O PP veta a auditoría externa sobre os contratos de emerxencia na pandemia

O BNG  reprochou á Xunta que "siga ocultando información" sobre estes contratos.
iago tabarés
photo_camera Iago Tabarés na defensa da PNL (Foto: Parlamento da Galiza)

O Partido Popular rexeitou coa súa maioría na Cámara galega a posta en marcha dunha auditoría externa, "a cargo de profesionais independentes", sobre a contratacións de emerxencia efectuadas pola Xunta da Galiza durante a pandemia derivada da Covid-19.

Os populares galegos votaron en contra da proposición non de lei a través da que os nacionalistas esixían esta medida. Na votación da iniciativa, que si contou co apoio do parlamentario de Democracia Ourensá, os socialistas optaron pola abstención ao considerar que esta auditoría debe de ser realizada polo Consello de Contas para ser máis garantista.

A petición foi defendida no primeiro pleno ordinario da Cámara galega polo parlamentario do BNG Iago Tabarés, quen reprochou á Xunta que "siga ocultando información" sobre estes contratos.

"Mentres estabamos confinados, mentres xente arriscaba a súa vida traballando polos demais, había quen aproveitaba para facer negocio desa situación catastrófica", advertiu Tabarés, que sostivo que na galiza "non se realizaron as tarefas de fiscalización, auditoría da contratación" tendo en conta que a actuación do Consello de Contas "limitouse ao Sergas" e deixou fóra a "todas as consellarías" e resto do sector público autonómico. "Pero é que nin sequera se auditou doto o Sergas, senón que se deixaron fóra catro de sete áreas", sinalou.

O parlamentario do BNG incidiu en que é o propio Consello de Contas o que manifesta que "non se fiscalizou moita da contratación" da Xunta e denunciou que "a adxudicación de contratos a dedo e a arbitrariedade provoca que se pague máis polas mesmas prestacións", que se "limite o funcionamento dos servizos públicos" e que se prexudique ao "tecido empresarial honesto" que ve vetada a posibilidade de acceder a un contrato porque "non ten parentela sen escrúpulos" na Administración.

Neste punto, o deputado do BNG, que dixo que hai dúbidas que se "seguen sen xustificar" sobre un "incremento patrimonial de máis de 800.000 euros" rexistrado polo ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, subliñou que se debe lanzar luz sobre contratos como os realizados pola Xunta coa empresa Sibuco ou outras entidades como unha á que está vinculado o irmán da parella do actual presidente do PP.

A encargada de defender a postura do PSdeG foi a parlamentaria Patricia Igrexas, quen incidiu en que a contratación de emerxencia realizada pola Xunta durante a pandemia adoeceu de "falta de transparencia" e está "chea de opacidade". "Fallaron os controis", dixo para subliñar que a "emerxencia non elude os requisitos de ampliación das regras da contratación pública".

Igrexas sinalou que o Consello de Contas e outros organismos independentes "puxeron negro sobre branco" as "deficiencias e irregularidades" que houbo na contratación durante a pandemia baixo a presidencia de Núñez Feixoo na Xunta.

Enfronte, o parlamentario popular Roberto Rodríguez defendeu a xestión da pandemia feita por parte do Goberno de PP, para alén de reprochar á oposición que “non asuman os resultados das eleccións”.

Comentarios