Principio de acordo para o aparcadoiro do Clínico de Compostela: estes son os detalles

O consenso chega tras meses de intercambios de propostas.
EuropaPress_5932542_conselleira_vivenda_planificacion_infraestruturas_maria_martinez_allegue
photo_camera EuropaPress_5932542_conselleira_vivenda_planificacion_infraestruturas_maria_martinez_allegue

A Xunta da Galiza e o Concello de Santiago de Compostela acordaron esta quinta feira impulsar un "protocolo marco" para o aparcamento e a ordenación urbana da contorna e os accesos do Hospital Clínico. Neste sentido, a Administración galega valorará achegar 80% do orzamento, mentres que o 20% restante poríao o Goberno local.

Tras meses de intercambios de propostas, este é o principal consenso ao que se chegou na primeira reunión tras iniciarse a nova etapa do Goberno galego, que inclúe novas caras á fronte de Sanidade (Antonio Gómez Caamaño) e de Planificación de Infraestruturas (María Martínez Allegue).

Xunto a estes, ao encontro que permitiu desbloquear o proxecto acudiron a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e os seus concelleiros de Mobilidade e Urbanismo, Xan Duro e Iago Lestegás, entre outras. Ambas as partes recoñecían en días pasados que o estaban perto de lograr un consenso.

De tal forma, esta quinta feira acordouse que en próximas semanas ambas as Administracións fecharán este protocolo marco de colaboración, no que xa se concretará a redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) que permitirá axilizar trámites para a ordenación da contorna do Clínico e poder construír o novo aparcamento anexo ao hospital.

Detalles do acordo

Sobre o financiamento das actuacións do PIA, ambas as partes acordaron valorar que a Xunta achegue o 80% da obra e o Goberno local o 20% restante. Á par, o Executivo galego comprometerase tamén a cofinanciar actuacións de saneamento e abastecemento municipal por 3,5 millóns de euros.

Nesta reunión tamén se puxeron en común os avances realizados nos últimos meses no ámbito da mobilidade e o aparcamento. Por exemplo, a Xunta habilitou un novo aparcadoiro con 141 prazas para persoal do hospital, mentres que o Concello puxo en funcionamento outras 151 nun predio de 3.000 metros cadrados xunto ao edificio do CiMUS.

Máis en POLÍTICA
Comentarios