Besteiro marca como meta da nova executiva do PSdeG facer que a Galiza gañe "peso" no Estado

O secretario xeral da formación socialista tamén se referiu á conferencia política que o PSdeG prevé manter no outono, na que se "redefinirá" o "proxecto".
José Ramón Gómez Besteiro xunto á nova Executiva do PSdeG (Foto: Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro xunto á nova Executiva do PSdeG (Foto: Europa Press).

O PSdeG reuniu esta quinta feira por primeira vez á nova executiva conformada ao redor do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que marcou como obxectivos desta etapa para a formación socialista pór o foco na economía e a creación de emprego "de calidade" e facer que a Galiza gañe "peso" no conxunto do Estado.

Así o destacou en declaracións aos medios tras a primeira reunión da executiva do PSdeG saída do Congreso Extraordinario decorrido o pasado domingo en Compostela e no que Besteiro foi proclamado como novo líder dos socialistas galegos.

Esta quinta feira, no que o PSOE celebra o seu 145 aniversario, Besteiro expresou o "orgullo" da militancia socialista pola súa historia e a confianza que teñen no futuro da organización, á vez que debullou as principais liñas sobre as que quere incidir a executiva saída do proceso interno.

A primeira delas, como apuntou, é pór o acento na economía e o emprego desde o convencemento de lograr "unha sociedade con máis emprego e de máis calidade" para mellorar a "calidade de vida" dos galegos e das galegas.

Neste sentido, mostrou a súa preocupación polos datos que sitúan a Galiza "entre as comunidades autónomas con menos crecemento" en termos de produto interior bruto (PIB), o que supón que se perden "oportunidades" e "impulso".

Ademais da economía, Besteiro tamén situou entre as prioridades da nova etapa da formación socialista defender os servizos públicos como a atención á dependencia, a educación ou a sanidade, que definiu como "grandes conquistas" que, di, teñen "marcado carácter socialista".

Eleccións europeas

O "futuro" da Galiza en asuntos como o autogoberno, o financiamento autonómico e local e "o peso" da comunidade no Estado será outra das preocupacións, como remarcou Besteiro, da executiva, que pon a vista a curto prazo nas eleccións europeas de xuño.

Unha cita na que estarán en xogo "cuestións relacionadas co agro, coa gandaría, coa pesca, coa industria ou coa transición enerxética", asuntos que "se deciden en Europa" e que o PSOE queren "que estean na axenda de Europa nos próximos anos". Por último, Besteiro tamén se referiu á conferencia política que o PSdeG prevé manter no outono, na que se "redefinirá" o "proxecto" da formación.

Máis en POLÍTICA
Comentarios