Os 2,5 millóns de euros habilitados pola Xunta da Galiza para facer compras con desconto nos negocios adheridos ao Bono Activa Comercio esgotáronse cinco días despois de que se activase a descarga para particulares.
A Xunta lembrou que os negocios que desexaron participar nesta iniciativa adheríronse desde o 16 de abril, mentres que as usuarias interesadas puideron descargar os seus bonos de desconto na web habilitada desde o pasado día 26. Porén, menos dunha semana despois xa non é posíbel empregar os mesmos.
Así o destacou esta quinta feira o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Chantada (comarca homónima) dous dos negocios adheridos á V edición da campaña.
Desta maneira, a campaña saldouse con 6.850 comercios sumados á iniciativa no conxunto do país, con case 300.000 bonos descargados e con 12 millóns de euros mobilizados en compras.
Comparecencia en Chantada
En presenza do alcalde de Chantada, Manuel Taboada; do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e do presidente da asociación de empresarios e do Centro Comercial Aberto de Chantada, Iñaki Castiñeira, o director xeral agradeceu a súa implicación aos estabelecementos que se sumaron a esta campaña.
Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, cualificou de "éxito" o programa mediante o que o Goberno galego financiou descontos de até 30 euros co propósito de incidir na fidelización e na apertura a novas persoas usuarias do tecido comercial galego.