Xa é oficial: este é o horario do Galiza-Panamá

O encontro entre a Galiza e Panamá do próximo 31 de maio no Estadio Municipal de Balaídos disputarase a partir das 20 horas.
Seareiros e seareiras nun partido anterior da Irmandiña. (Foto: RFGF)
photo_camera Seareiros e seareiras nun partido anterior da Irmandiña. (Foto: RFGF)

Xa é oficial. O regreso da Selección Galega de fútbol absoluta xa ten horario. O encontro entre a Galiza e Panamá do próximo 31 de maio no Estadio Municipal de Balaídos disputarase a partir das 20 horas logo do acordo ao que chegou a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) coa Televisión da Galiza (TVG). A televisión pública galega será a encargada de retransmitir en directo o partido a través da súa primeira canle e difundirá o sinal a Panamá, país no que tamén poderán seguir en directo o encontro entre a selección galega e o combinado panameño.

Venda de entradas

A RFGF anunciará en próximas datas o proceso da venda de entradas para o partido. A Federación está a ultimar os últimos detalles para anunciar publicamente o prezo das localidades e a plataforma mediante a que se despacharán os billetes.

Balaídos

O Estadio Municipal de Balaídos será o emprazamento para o Galiza-Panamá do próximo 31 de maio. A casa do RC Celta será a sede que acolla o partido do combinado que dirixe Diego Martínez no que colaborarán o Concello de Vigo e o propio RC Celta.

Unha gran festa do fútbol galego

O obxectivo da Federación é que este partido sexa de novo un día grande para o noso fútbol, a festa de todo o fútbol galego. Un día histórico no que poidamos sentirnos orgullosos dos nosos futbolistas, dos nosos clubs e do noso deporte en xeral.

A Galiza conta cunha excepcional xeración de xogadores que a RFGF confía en poder reunir para esta cita histórica. Un gran elenco encabezado por dous emblemas do noso fútbol, Iago Aspas e Lucas Pérez. Neste sentido, o país conta, probabelmente, coa mellor escuadra da historia do fútbol galego.

Panamá, cun ex do FC Barcelona como adestrador

A selección de Panamá está en claro crecemento nos últimos anos. Disputou o Mundial de Rusia en 2018 e desde entón sempre está entre as mellores seleccións da Concacaf (Centro e Norteamérica). Estivo a piques de clasificarse tamén para Qatar 2022 e agora vai disputar o clasificatorio para o Mundial de 2026, que se celebrará nos EUA, México e o Canadá.

Recentemente foi semifinalista da Liga das Nacións da Concacaf, perdendo en semifinais con México. O seu seleccionador é o ex futbolista do FC Barcelona Thomas Christiansen. Español de orixe danés, tamén foi internacional con España e militou en equipos como o Real Sporting de Xixón, CA Osasuna, Real Oviedo, Racing de Santander ou Villarreal CF.

Thomas Christiansen dirixe á selección panameña desde o 2020 e o seu gran obxectivo é clasificar a Panamá para o próximo Mundial de 2026 e facer un gran papel na Copa América que se disputa este verán nos Estados Unidos. Unha Copa América verdadeiramente continental na que tomarán parte as dez seleccións da Conmebol (Sudamérica), pero tamén as mellores da Concacaf. Panamá está encadrada no Grupo C cos Estados Unidos, o Uruguai e Bolivia.A competición dará comezo o 20 de xuño, polo que o amigábel contra a Selección Galega encádrase dentro da preparación dos panameños para a Copa América.

O Galicia-Venezuela, última lembranza

O 20 de maio de 2016 o Estadio de Riazor acollera a volta da Selección Galega absoluta. Venezuela fora o adversario e o partido rematara con empate, 1-1. Máis de 18.000 seareiros gozaran con aquel partidazo. Uruguai en 2005, Ecuador en 2006, Camerún en 2007 e Irán en 2008 foron os partidos da Irmandiña antes do encontro con Venezuela. Agora, en 2024, a Galiza que dirixirá o técnico Diego Martínez volverá xogar un partido amigábel de carácter internacional, de novo contra unha selección americana: Panamá.

Comentarios