Galiza Nova sinala a importancia de que a mocidade que traballa estea sindicalizada

Campaña polo Primeiro de maio da organización xuvenil do BNG. 
Galiza Nova
photo_camera Marta Gónez, en primeiro termo, na presentación da campaña en Vigo (Foto: Nós Diario)

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, presentou esta terza feira en Vigo a campaña de cara a este Primeiro de maio coa que, anuncian, pretenden afondar “na necesidade de sindicalización da mocidade galega e promover á CIG, sindicato maioritario da Galiza, como o referente para facelo”.

Tal e como sinalou Paulo Alonso, un dos responsábeis nacionais de Emprego, Vivenda e Servizos Públicos da organización “lanzamos esta campaña para concienciar a mocidade galega da importancia de sindicarse como unha ferramenta elemental para conquistar os dereitos laborais que o sistema nos nega”.

Pola súa parte, Daniel Sussman, corresponsábel con Alonso acrecentou que “a campaña está orientada á mocidade traballadora ou que está a piques de comezar a traballar, que saiban por que é importante a organización na CIG ou que facer para entrar no sindicato”.

A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, denunciou que “a mocidade galega levamos anos sufrindo as consecuencias das políticas do sistema capitalista que nos obriga á emigración forzosa ou á precariedade máis absoluta.”

“É unha realidade que polo feito de ser mozas e mozos sufrimos maior temporalidade nos nosos contratos, temos soldos máis baixos e non podemos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país como nos gustaría” engadiu Gómez.

A campaña decorrerá durante as vindeiras semanas con actos en colaboración coa propia CIG onde a organización xuvenil falará desta necesidade.

Comentarios