O Constitucional avala por unanimidade a lei galega de litoral

Tan só declara inconstitucionais 2 dos 72 preceptos impugnados, aínda que inclúe un voto dunha maxistrada que avisa de riscos ambientais a longo prazo

A sede do Constitucional, fotografada esta mesma quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A sede do Constitucional (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou por unanimidade a lei galega de litoral despois de que o Goberno español presentase recurso contra diversos preceptos, o que deu lugar á súa suspensión parcial.

A sentenza do Constitucional, que foi aprobada por unanimidade e da que é relatora o maxistrado César Tolosa Tribiño, desestima 70 das 72 impugnacións incluídas no recurso de inconstitucionalidade interposto o pasado 11 de outubro polo Goberno estatal.

Así, desbota que a Galiza deba modificar o seu Estatuto de Autonomía para "outorgar autorizacións de utilización e ocupación do dominio" ao entender esta función "na competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e do litoral".

O Parlamento galego aprobou en xullo de 2023 a nova lei do litoral -con votos a favor do PP e abstención do BNG e PSdeG-, que contempla a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre.

A sentenza rexeita que a regulación dos instrumentos de ordenación do litoral e dos concretos usos que podían realizarse no mesmo sexan contrarios ás disposicións da lexislación estatal de preservación do dominio público marítimo terrestre.

A resolución basea a desestimación en varias argumentos: en primeiro lugar, en que os preceptos impugnados en abstracto non contraveñen a normativa estatal e que a lei galega salvagarda o cumprimento das esixencias establecidas na lexislación estatal de costas; e, en segundo lugar, en que "permanecen incólumes as facultades estatais, como titular do dominio público marítimo-terrestre, se no caso concreto, a autorización ou o concreto plan aprobado incumprise a lexislación en materia de costas".

Unicamente, decláranse inconstitucionais a posibilidade de que os sistemas de recollida, almacenamento, tratamento e vertedura de augas residuais poidan ocupar o dominio público marítimo-terrestre ao contravir a lexislación estatal, así como o trato privilexiado das embarcacións galegas fronte ao resto de embarcacións.

Pola súa parte, a maxistrada María Luisa Balaguer está de acordo con o fallo de senténciaa pero expón un voto concorrente, no que expón o seu criterio en relación co insuficiente alcance da cobertura estatutaria da competencia autonómica.

O voto fai fincapé nos riscos de que algúns argumentos da sentenza poidan conducir, na súa proxección a longo prazo, a unha rebaixa dos estándares de protección ambiental que debesen ser particularmente preservados nun indubidable contexto de cambio climático.

Comentarios