A remodelación da Xunta de Rueda impacta no Parlamento: cambios en 7 escanos

Os nomeamentos no segundo nivel da Xunta provocarán novos cambios na bancada popular que se materializarán en próximos plenos.

Sesión de Constitución da XII lexislatura do Parlamento da Galiza (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Sesión de Constitución da XII lexislatura do Parlamento da Galiza (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O primeiro pleno ordinario do Parlamento da Galiza principiou esta terza feira coa toma de posesión do que fora alcalde do Carballiño (comarca homónima) co Partido Popular, Argimiro Martones, como deputado. O carballiñés recolleu a acta que deixou vacante a ex conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade Elena Rivo após a súa renuncia.

O que empeza hoxe é o primeiro pleno ordinario que acolle o Pazo do Hórreo na XII Lexislatura e despois de varias sesións protocolarias, como a de constitución da propia Cámara e o pleno solemne que marca o inicio.

Antes de comezar a orde do día púidose ver os deputadose deputadas  dos distintos grupos charlando e felicitando a aqueles que asumen novas responsabilidades.

Un dos que máis contactos recibiu foi o popular José Manuel Balseiro, quen, como primeiro suplente da nova conselleira de Medio Rural no Senado, esta chamado a deixar O Horreo e recoller a súa acta na Camara alta española. A el achegáronse tanto o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como o deputado nacionalista Iago Tabarés, entre outros.

Ademais da posíbel marcha de Balseiro, prevese que haxa outros movementos na bancada popular tendo en conta que a designación de novos cargos do segundo nivel da Xunta forzará novos cambios no Grupo Parlamentario Popular após renunciar á súa acta a ex conselleira de Emprego Elena Rivo. De feito, a circunscrición máis afectada será a de Ourense.

Así, ademais de Rivo, outros catro do oito deputados elixidos polo PP de Ourense o pasado 18 de febreiro deixarán a súa acta para integrarse no segundo escalafón do galego. Quen abandonarán o Parlamento son Gabriel Alén, antes delegado territorial da Xunta na súa provincia e novo director xeral de Comercio; Victoria Núñez, presidenta da xestora do PP local de Ourense, responsábel da Axencia de Protección dá Legalidade Urbanística; Marisol Díaz Mouteira, directora xeral de Patrimonio Natural; e Antonio Rodríguez Miranda, que seguirá á fronte de Emigración.

Os seguintes na lista son Argimiro Marnotes, quen tomou posesión hoxe; José Luís Ferro, Xosé Manuel Merelles, Víctor Manuel Baladrón e Cristina Campero, mais Merelles non chegará a entrar na Cámara porque volverá a Turismo, de maneira que lle tocaría coller acta a Ana Méndez, quen ocupou o posto 14 da candidatura, xusto antes dos suplentes.

Así mesmo, haberá axustes nos grupos de Lugo e Pontevedra. En Lugo, coa saída de Javier Arias para a Delegación da Xunta e de Balseiro para o Senado, entrarían Encarna Amigo e Nicole Grueira (postos 9 e 10 da candidatura do PP de Lugo o 18F).

Á súa vez, por Pontevedra deixará o Parlamento Silvestre José Balseiros para volver á Dirección Xeral de Gandaría. Se non hai alteracións na lista, conseguiría asento no hemiciclo galego José Luís Novo Teijeiro, quen ocupou o posto número 11 por esta circunscrición.

A diferenza das sesións anteriores, nas que a tribuna de invitados estaba repleta de personalidades que acudían para presenciar as citas protocolarias de arranque da lexislatura, esta terza a bancada superior do Hemiciclo estivo case baleira, coa única presenza de dous estudantes de Ciencia Política que seguían con atención a orde do día.

Comentarios