Agora

Planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
Agora

Stellantis deterá parte da súa produción da quenda de noite da cuarta feira en Vigo por falta de pezas

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis deterá parte da súa produción na quenda de noite desta cuarta feira, 1 de maio, por falta de pezas necesarias para a fabricación dos seus vehículos. Tal como informou a compañía ao cadro de persoal, por causas de forza maior, debido a problemas de aprovisionamento, suspenderase a actividade da quenda de noite no Sistema 1 da planta de Balaídos, que ensambla os Peugeot 2008. Esta parada únese ás anterior ocasións nas que a fábrica de Vigo viuse obrigada a suspender os seus traballos por problemas similares nos últimos meses.

Fumigación contra os mosquitos que transmiten dengue no Brasil. (Foto: Lucio Tavora / Europa Press / Contacto)
Agora

Brasil supera os catro millóns de casos de dengue, que xa se converteu nunha epidemia rexional

Nos primeiros catro meses de 2024 as autoridades brasileiras notificaron 4,12 millóns de casos probábeis de dengue, cunha incidencia de máis de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes, e confirmaron máis de 1.900 falecementos, con outros 2.345 baixo investigación, recolleron a terza feira medios internacionais. A expansión do dengue pola rexión levou Guatemala a declarar a emerxencia sanitaria para tratar de conter a doenza.

Pilar Lueiro e Minia Banet co cartaz das festas.
Agora

As festas da Ascensión de Santiago volven en maio cun completo programa de actividades

A concelleira de Festas de Compostela, Pilar Lueiro, e a deseñadora do cartaz, Minia Banet, presentaron onte o programa das Festas da Ascensión -que decorrerán desde o 8 de maio até o domingo 12-, ateigado de concertos e actuacións para todos os gustos, monicreques, drons e eventos deportivos, sen esquecer a vertente tradicional, con citas como a comparsa de Cabezudos, o Torneo da Chave ou os Cantos de Taberna. A orquesta Panorama, Fillas de Casandra ou Billie Marten son algunhas das actuacións destacadas así como o concerto dos 40 e o Composfest que traerá a artistas locais como Dios Ke Te Crew ou Boyanka Kostova. O Recinto Feiral de Amio acollerá a Festa das Persoas Maiores o sábado 11, e a popular Feira Cabalar durante a xornada do día da Ascensión. 
Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)
Agora

Rafa Benítez desvincúlase do Celta

O Celta anunciou esta terza feira que chegou a un acordo con Rafa Benítez para a súa desvinculación da entidade celeste. Foi a través dun comunicado que fixo público nas súas redes sociais o club que preside Marián Mouriño. O técnico madrileño fora destituído o pasado 13 de marzo despois de oito meses no cargo na tempada do centenario da entidade galega. O club expresou o seu "máis sincero agradecemento pola implicación, honestidade e profesionalidade" que mostraron Benítez e o seu corpo técnico, cun "incansábel traballo desde a súa chegada". Ambas as dúas partes tiñan como data límite para resolver este asunto o 30 de xuño, durante a xornada en que conclúe de maneira oficial a tempada.
Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo (Foto: Garda Civil)
Agora

Detidas 15 persoas nunha operación antidroga aberta nas Rías Baixas

Unha operación antidroga aberta nas Rías Baixas detivo polo menos a 15 persoas pola distribución de estupefacientes en distintos puntos do Estado. Nesta operación participan o Equipo de Crime Organizado (ECO) da Garda Civil de Pontevedra, dependente da UCO. A operación está en marcha e vaise a prolongar durante toda a xornada. Así, fixéronse rexistros fundamentalmente en vivendas nos concellos de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados e Arcade, así como en Madrid.

O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)
Agora

As licenzas para a construción de edificios baixan 4% no comezo de ano, aínda que crecen as rehabilitacións

As licenzas concedidas para a construción de edificios en xaneiro deste ano foron 129 na Galiza, o que supón seis menos que un ano antes (-4,4%), segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Con estas licenzas crearanse un total de 122 vivendas, neste caso 15 menos en comparación co mes de xaneiro de 2023 (-10,9%). Mentres, os permisos para rehabilitacións ascenden a 148 edificios, cinco máis (+3,5%) en comparativa interanual. Así, rehabilitaranse 74 edificios, polo que se disparan neste caso un 61%.

Luz Fandiño (Foto: Arxina).
Agora

A cidade de Santiago de Compostela despide a Luz Fandiño, a "poeta analfabeta"

O pasado 28 de abril morreu en Compostela a poeta Luz Fandiño, todo un símbolo para distintas xeracións de creadores literarios e o activismo social de esquerdas na cidade. Esta segunda feira, 29 de abril, celebrouse no cemiterio de Boisaca un sinxelo acto de despedida para os máis achgeados. O vindeiro domingo 5 de maio, terá lugar, ás 17 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, un acto de celebración popular da súa vida. 
Ernest Urtasun (Cultura). (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Agora

As persoas maiores de 65 anos xa poden ir ao cine por dous euros a partir da terza feira

A terza feira comeza en todo o Estado español a segunda edición da iniciativa Cine Sénior, que permite ás persoas maiores de 65 anos asistir ao cinema pagando unha entrada de dous euros. O programa, que conta cun orzamento de 12 millóns de euros, está orientado a que un día a semana, de forma preferente as terzas feiras, este grupo poida adquirir unha entrada reducida en 420 cinemas. A diferenza da primeira edición, as entradas poderanse mercar por vía dixital, amais de nos propios estabelecementos.

Na primeira edición, na que tamén participaron 420 cinemas, só 28 locais gastaron de forma íntegra a axuda, polo que o titular español de Cultura, Ernest Urtasun, detallou que redistribuíron os recursos nesta ocasión para que as salas con máis afluencia incrementen a súa dotación, anunciando un fondo de reserva de case dous millóns de euros “para que non se esgote o crédito”.

O seu predecesor, Miquel Iceta, explicara que este grupo foi elixido posto que entre 2021 e 2022 só 6% das persoas maiores de 65 anos asistiu ao cinema, cando antes da pandemia de Covid-19 era “parte esencial” do público. En cambio, até 49% da poboación entre 20 e 24 anos fora como mínimo nunha ocasión ás salas de cinema.

A presenza de osos no Courel incrementouse notabelmente nos últimos anos. (Foto: Fundación Oso Pardo)
Agora

A Xunta indemnizará un apicultor por danos de oso após negarlle a axuda

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza aceptou o recurso dunha persoa que produce mel para autoconsumo e condenou á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta a pagarlle 1.793 euros, transcendeu a segunda feira. A institución, que admitiu que os danos foron provocados por un oso pardo, denegara en primeira instancia a axuda aducindo que a persoa afectada non tiña numeradas e identificadas individualmente as súas colmeas. Así e todo, a sentenza recolle que “ningún dos servizos veterinarios que coñeceron da instalación” lle comunicou este apartado, sinalando que ao tratarse dun particular non ten por que "ter un coñecemento profundo" da normativa.
A presidenta celeste, Marián Mouriño, con Claudio Giráldez no alto da sede celeste na rúa Príncipe. (Foto: RC Celta).
Agora

O Celta terá que indemnizar ao Levante por Giráldez

Ao Celta saíulle outro problema económico máis cando aínda está sen fechar a saída de Rafa Benítez. O club terá que pagar unha indemnización ao Levante pola continuidade e Claudio Giráldez no club. A razón, segundo explica a Cadea Ser, é que o adestrador tiña xa un compromiso asinado coa entidade do País Valencià. O pasado 12 de marzo o Celta destituíu a Benítez tras perder ante o Real Madrid e nomeou Giráldez como adestrador até o 30 de xuño. Días despois, a presidenta do Celta anunciou a súa renovación até xuño de 2025. 
Protesta labrega nun dos bloqueos de estradas en Polonia. (Foto: Krzysztof Zatycki / Europa Press / Contacto)
Agora

As e os labregos polacos levantan o último bloqueo instaurado na fronteira con Ucraína tras case tres meses

Despois de que desde o 9 de febreiro distintos bloqueos por parte de agricultoras e agricultores polacos obstaculizaran a entrada de produtos ucraínos entre demandas para que a Unión Europea (UE) vetase o ingreso das mercadorías alimentarias de Kíiv, Ucraína confirmou a segunda feira que o último cruce fronteirizo bloqueado foi liberado logo das negociacións con Polonia. Así e todo, as restricións manteranse a algúns camións que transporten gran.

Logo de TikTok nunha das súas oficinas nos Estados Unidos. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)
Agora

ByteDance ratifica que non venderá TikTok aínda que os Estados Unidos a prohiba

A empresa chinesa ByteDance, propietaria de TikTok, corroborou a sexta feira que non ten ningunha intención de vender a rede social a unha compañía occidental, como exixe unha lexislación aprobada polos Estados Unidos, que no caso contrario a prohibirá en seis meses. A declaración produciuse en resposta ás especulacións sobre que estaría a explorar opcións para vendela mais excluíndo o algoritmo detrás da aplicación. 
A unión das xogadoras será vital para lograr o obxectivo. (Foto: Hóckey Club A Coruña).
Agora

O Hóckey Club da Coruña vai a pola Champions League

O Hóckey Club A Coruña ten esta fin de semana a oportunidade de lograr o primeiro título da súa breve traxectoria -apenas ten un ano de vida-,nin máis nin menos que a WSE Champions League. A escuadra herculina encara as semifinais da competición continental ás 19.30 horas  do sábado no primeiro partido da Final Four, que se disputará no Pazo de Riazor. O obxectivo da formación galega é facer bo o factor campo para dar a sorpresa e superar un conxunto que lle saca 14 puntos de vantaxe na OK Liga. De conseguilo, afrontaría a finalísima ás 12 horas do domingo, tamén en Riazor, ante o vencedor do duelo entre Generali Palau Plegamans e Cooperativa D'Ivars Vila-Sana.
Cris Martínez asinou onte a súa renovación como branquiazul. (Foto: RC Deportivo).
Agora

O Deportivo baixa o pano da tempada do ascenso

O Real Club Deportivo da Coruña, unha semana despois de certificar o ascenso á máxima categoría do fútbol estatal, disputa este sábado o seu último partido na Primeira Federación fronte o Albacete na Mancha ás 19.30 horas. A escuadra herculina, segunda clasificada, aínda ten opcións matemáticas de rematar na primeira posición e superar o filial do Fútbol Club Barcelona -que non pode ascender debido a que o primeiro equipo blaugrana xa milita na elite-, mais depende do resultado que asinen estas no seu duelo co Athletic de Bilbao B. Ademais, naesta sexta feira o Dépor confirmou a renovación da única sobrevivinte no seu cadro de xogadoras da formación orixinal de tempada 2016/17 coa que debutou a sección feminina do club, Cris Martínez, quen estendeu o seu contrato até o ano 2026.
Oficina de Correos.
Agora

O voto por correo para as eleccións europeas poderá depositarse até o 6 de xuño

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou onte ampliar até o 6 de xuño o prazo para depositar nas oficinas postais o voto por correo das eleccións europeas do 9 de xuño. Ademais, a XEC tamén comunicou que "ningún Estado membro poderá facer públicos os seus resultados electorais" até pasadas as 23 horas dese día.
José Manuel Rodríguez Uribes é o presidente do CSD. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Agora

O CSD intervén a RFEF, pero non inhabilita o imputado Pedro Rocha

O novo capítulo na extensa novela da crise aberta na Real Federación Española (RFEF) desde o bico non desexado de Luis Rubiales a Jennifer Hermoso na final do pasado Mundial escribiuse onte. O Consello Superior de Deportes (CSD) tomou a decisión de intervir para "corrixir a grave situación que atravesa a RFEF e para que a entidade poida iniciar unha etapa de rexeneración baixo un clima de estabilidade e institucionalidade". Para iso, constituirá unha comisión que terá á fronte a tres "persoas independentes de recoñecido prestixio", entre as que estará como representante federativo un Pedro Rocha -candidato único á presidencia do ente- ao que o CSD decidiu non suspender a pesar de estar imputado.
O primeiro ministro escocés, Humza Yousaf (SNP). (Foto: Andrew Milligan / PA Wire / DPA vía Europa Press)
Agora

O SNP racha a coalición de Goberno cos Verdes en Escocia e enfrontará unha moción de censura dos conservadores

“Creo que ao pobo escocés lle convén buscar un acordo diferente”, sostivo a quinta feira o primeiro ministro e líder do Partido Nacional Escocés (SNP), Humza Yousaf, ao facer pública a ruptura cos Verdes, formación coa que os soberanistas gobernan desde 2021, após unha semana de choques pola súa decisión de abandonar o compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro até 75% a finais da década.

Mentres os Verdes criticaban a súa “covardía política” e que venda “as xeracións futuras”, o Partido Conservador presentou unha moción de censura contra o novo Executivo en minoría do SNP e o Partido Laborista insistiu en que se deben convocar eleccións anticipadas como saída a crise do Goberno escocés.

Jessica Bouzas (Foto: FGT).
Agora

Jessica Bouzas, eliminada na segunda rolda do Madrid Open

Acabou o soño da tenista galega Jessica Bouzas no Mutua Madrid Open, o primeiro torneo da categoría WTA 1000 que disputou na súa carreira. Logo de eliminar na primeira rolda a toda unha ex número 2 do mundo como Paula Badosa, a de Vilagarcía de Arousa non tivo opcións sobre a terra batida da Caixa Máxica fronte Jelena Ostapenko, que actualmente ocupa a posición número 10 no ránking da WTA. A letoa impúxose por un contundente 6-3/6-1, a pesar dun interesante comezo de Bouzas que a piques estivo de subir ao electrónico o 3-1 no primeiro set, máis Ostapenko logrou facer boa a súa maior experiencia ante unha galega que está un pouco máis cerca dos Xogos Olímpicos.

O galego (diante), boga con Carracedo onte na proba continental. (Foto: RFER).
Agora

Caetano Horta, á 'repesca' no Europeo de Remo

A localidade húngara de Szeged, unha das grandes capitais do remo a nivel continental, acolle desde esta queinta feira e até o próximo domingo, 28 de abril, o Campionato de Europa da modalidade, unha cita chave de cara á preparación para os Xogos Olímpicos de París. Alí está presente o noiés Caetano Horta, que participou en compañía do catalán Dennis Carracedo nunha das primeiras probas da competición, a do dobre scull lixeiro masculino LM2x. Lamentabelmente, a sorte non estivo do lado dun deportista que en 2021, no marco da campaña de Vía Galega 'Galiza, un pobo, unha selección', non ocultou o "orgullo" que sentiría por poder competir algún día defendendo a Galiza a nivel internacional, pois tras ser segundo na súa serie deberá disputar na sexta feira unha 'repesca' para lograr coarse na finalísima.
 
Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Falece un motorista tras chocar contra un coche en Gondomar

O condutor dunha motocicleta perdeu a vida na madrugada desta quinta feira tras chocar contra un coche na localidade de Gondomar (comarca de Vigo). Segundo informa o 112 Galiza, os feitos ocorreron sobre as 00.10 horas e foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencia, asegurando que un home estaba tirado na estrada, aparentemente inconsciente, despois de producirse un accidente no punto quilométrico 18 da PO-340. Até alí desprazáronse os servizos de urxencias do 061. Con todo, nada puideron facer por salvarlle a vida ao home. A Garda Civil de Tráfico e o persoal de mantemento da vía tamén participaron no operativo.