Agora

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
Agora

Un motorista falece en Bande tras unha saída de vía

Un motorista, nacido en 1985, faleceu este sábado nunha saída de vía na estrada OU-540 ao seu paso polo municipio de Bande (Baixa Limia). Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, o sinistro tivo lugar pouco antes das 19 horas. A saída de vía tivo lugar pola marxe dereita no sentido da marcha no quilómetro 45. Patrullas da Garda Civil atópanse no lugar, mentres que se dirixe até o sitio do accidente un equipo de investigación de sinistros viarios.

Un equipo de bombeiros traballa na extinción dun incendio en Crecente (A Paradanta) nunha imaxe de arquivo (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
Agora

Un incendio forestal en avión queima unhas 20 hectáreas

A Consellaría do Medio Rural deu por estabilizado un incendio forestal no municipio de Avión (O Ribeiro) que afectou polo momento unha superficie dunhas 20 hectáreas. Tal e como informou o departamento, o fogo iniciouse esta sexta feira pola tarde na parroquia de Abelenda e atópase estabilizado desde as 2.29 horas deste sábado. As primeiras hipóteses apuntan a que o incendio foi causado por un raio dunha tormenta seca.
Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
Agora

Falece un motorista tras chocar contra unha furgoneta en Mesía

Un motorista perdeu a vida tras chocar contra unha furgoneta no municipio de Mesía (comarca de Ordes). Segundo informou o 112, foi o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias Galiza-061 o que deu a voz de alerta ás 20.45 horas da sexta feira e explicou que o sinistro se produciu na estrada que conecta Visantoña coas Travesas. O equipo de emerxencias mobilizou aos Bombeiros de Ordes, do GES de Curtis e á Garda Civil de Tráfico. Ademais, os servizos sanitarios mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Compostela. Con todo, a pesar dos esforzos o persoal sanitario nada puido facer por salvarlle a vida.

O presidente de Panamá, José Raúl Mulino, esta semana. (Foto: Daniel Gonzalez / Europa Press / Contacto)
Agora

O novo presidente panameño anuncia que repatriará as migrantes que crucen a selva do Darién

O conservador José Raúl Mulino, elixido a pasada fin de semana como novo presidente de Panamá, asegurou na madrugada da sexta feira que repatriará todas as persoas migrantes que atravesen a selva do Darién, que separa o país de Colombia e que é unha das principais rutas migratorias en dirección aos Estados Unidos. Ademais, Mulino defendeu que o fará contando con “axuda internacional” e respectando os dereitos humanos.

O Porriño tivo as súas opcións, pero non logrou clasificarse. (Foto: JL Recio).
Agora

O Porriño cae nos cuartos de final da Copa da Raíña de Balonmán

Un menos. O Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño caeu na tarde desta sexta feira eliminado na primeira rolda da Copa da Raíña de Balonmán, que se disputará até o día de mañá en Donostia. A escuadra galega -unha das dúas representantes do país no torneo do KO xunto a un Mecalia Atlético Guardés que xoga a partir das 20.30 co anfitrión, vixente campión e máximo favorito ao título, Super Amara Bera Bera- perdeu nos cuartos de final co Valladolid por 26-24. O resultado reflicte a igualdade imperante durante todo o encontro, pois non foi até cando restaban menos de dez minutos cando as pucelanas lograron estabelecer vantaxe.

O presidente luso, R. de Sousa, co primeiro ministro Montenegro. (Foto: Nós Diario)
Agora

O primeiro ministro luso advirte á Policía que non faga demandas laborais "pouco realistas" após reclamar aumentos de case 600 euros

Tras a proposta da plataforma que concentra os sindicatos da Polícia de Segurança Pública (PSP) e asociacións da Guarda Nacional Republicana (GNR), que defende un aumento de case 600 euros, o primeiro ministro de Portugal, o conservador Luís Montenegro (Partido Social Democrata), subliñou a sexta feira que quere avanzar coas negociacións mais incidiu en que “non paga a pena alimentar a opinión pública con escenarios pouco realistas”.

Persoas rescatadas a cuarta feira nas inundacións no Brasil. (Foto: Claudia Martini / Europa Press / Contacto)
Agora

A cifra de persoas falecidas polas inundacións masivas que iniciaron a semana pasada no sur brasileiro elévase a 107

As autoridades do Estado brasileiro de Rio Grande do Sul comunicaron a quinta feira que como mínimo 107 persoas perderon a vida nas inundacións masivas que se desencadearon a pasada semana tras o paso de dous temporais polo sur do Brasil. 136 persoas están desaparecidas e 374 resultaron feridas. Máis de 230.000 persoas tiveron que abandonar as súas vivendas -67.500 de forma definitiva- e 1,4 millóns se viron afectadas.

Montaxe da mostra na rua do Principe
Agora

Vigo mostra o seu patrimonio arquitectónico

O Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG) e o Concello de Vigo inauguraron esta cuarta feira, 8 de maio, unha exposición sobre os arquitectos Jenaro de la Fuente Domínguez e José Bar Boo, na rúa do Príncipe. En 2022 conmemoráronse dúas efemérides, o falecemento de Jenaro de la Fuente Domínguez e o nacemento de José Bar Boo, dous personaxes fundamentais no desenvolvemento urbano e arquitectónico de Vigo, e a mostra repasa as súas obras máis significativas.

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Buscan unha muller de 63 anos desaparecida en Vilaxoán (Vilagarcía) desde esta terza feira

Efectivos policiais buscan unha muller de 63 anos, de estatura entre 1,60 e 1,65 metros, ollos verdes, lentes graduadas e pelo canoso, que falta desde esta terza feira do seu domicilio en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa (O Salnés). Fontes policiais confirmaron a Europa Press o despregamento do dispositivo e solicitaron colaboración para localizar esta muller, de cuxa alerta tamén avisou a conta SOS Desaparecidos. Responde ao nome de María Teresa Lago Martínez. SOS Desaparecidos mantén as súas liñas de teléfono habilitadas ante calquera pista, do mesmo modo que o 112.
Un axente da Garda Civil española.
Agora

Investigados dous condutores por conducir no Barco con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia

Axentes da Garda Civil de Tráfico interceptaron en senllos controis no Barco de Valdeorras (comarca de Valdeorras) dous condutores con permisos de conducir falsos de Senegal e Polonia. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, ambos os dous condutores atópanse investigados por supostos delitos de falsidade documental e contra a seguridade viaria. Enfróntanse a penas que poden implicar entre seis meses e tres anos de prisión. A primeira actuación produciuse en decembro de 2023, na estrada N-120, onde un condutor de 42 anos e nacionalidade senegalesa presentaba un carné de conducir que tiña visos de validez, pero "a residencia en España do condutor desde facía anos e outra serie de indicios levantaron a sospeita dos gardas civís". Por outra parte, o 5 de marzo de 2024, tamén na N-120, detectouse a un condutor de 39 anos cun permiso polaco, aínda que se comprobou que no país de orixe nunca tivera carné de conducir.
Estación de tren de Compostela (Foto: Europa Press).
Agora

Unha avaría causa atrasos de máis de 30 minutos en trens que circulan entre Vigo e A Coruña

Unha avaría nas instalacións do tren entre Vilagarcía de Arousa e A Escravitude causou atrasos de máis de 30 minutos nos ferrocarrís con percorrido Vigo-A Coruña e viceversa. Así o informou o revisor aos pasaxeiros do rexional 12526 que tería que chegar a Santiago de Compostela ás 10:54 horas e, como consecuencia, fíxoo ás 11:30 horas. "Debido a limitacións nas infraestruturas de Adif, o teu tren circula cunha demora aproximada de 35 minutos", comunicou Renfe.

Coche de Policía Local. (Foto: Europa Press)
Agora

Detido o dono dun bar de Lugo por unha suposta agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un home, propietario dun bar, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras supostamente agredir a súa parella. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada desta cuarta feira, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a un estabelecemento de hostalería da rúa Eo, onde unha muller estaba "a causar molestias". Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa muller, de 28 anos de idade, que se atopaba chorando e moi alterada. A moza explicou aos policías que o propietario do bar era a súa parella e que ela lle prestou diñeiro, sen que el llo devolvera. Ante a negativa para devolver ese diñeiro, a muller colléralle o teléfono móbil, que tamén llo prestou ela e que ela pagaba, e o home reaccionou dándolle un forte golpe na cabeza, e empuxándoa para sacala do establecemento.Por estes feitos, os axentes procederon á detención do home como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Mentres, a muller foi trasladada a un centro sanitario para valorar as súas lesións e, posteriormente, a dependencias policiais para a formalización da denuncia.

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
Agora

Morre un motorista ao chocar cun coche en Quiroga

Un motorista faleceu ao batercontra un coche na estrada LU-933, á altura a parroquia de Nocedo, no municipio de Quiroga (comarca homónima). Segundo informa o 112 Galiza, sobre as 18:10 horas un particular deu aviso do accidente. Até o lugar desprazáronse os servizos sanitarios, pero só puideron confirmar o falecemento. O suceso tivo lugar no quilómetro 31 da LU-933. Foron avisados 061, membros do GES de Quiroga-Folgoso do Courel e Garda Civil de Tráfico.

Xurxo Álvarez, presidente da Fruga (Foto: Nós Diario).
Agora

A Fruga critica a fin da Axencia Galega de Industria Forestal

A Federación Rural Galega (Fruga) amosou esta terza feira a súa “preocupación” pola extinción da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). En concreto, interesouse “polo camiño que poden seguir as políticas ligadas ao monte e ás industrias forestais”. Este sindicato cre que “debería continuar en Medio Rural” para "promover a diversificación do sector". Ademais, interesouse polo futuro inmediato do CIS-Madeira, un ente ao que XERA "pasou a integrar tanto os medios persoais como os materias". Con esta mudanza, afirman, "este sería o sexto cambio de organigrama e funcionamento desde a súa creación", polo que, din, “é moi difícil poder desenvolver proxectos vinculados as nosas madeiras e que estes podan reverter nas industrias do ramo”.
Unha oficina do Banco Gallego no Ensanche de Compostela (Foto: Nós Diario).
Agora

O Banco Sabadell cae 3,4% na Bolsa tras rexeitar a oferta de BBVA

As accións de Banco Sabadell perderon esta terza feira case 3,4% despois de rexeitar a oferta que BBVA, que sobe 1,7%, expresara para fusionar ambas as dúas entidades. A decisión do Sadadell, que opera na Galiza como Banco Gallego, tomouna por considerar que xerará máis valor en solitario. O consello de administración da entidade financeira catalá considerou,  ademais, que a oferta "infravaloraba significativamente" o proxecto da súa e as súas perspectivas de crecemento como compañía independente. O consello firma que esta decisión está "aliñada" co interese "de clientes e empregados".
Incendio nunha nave de Ribeira.
Agora

Extinguido o incendio nunha nave do polígono de Aguiño, en Ribeira

Os bombeiros extinguiron un incendio declarado na tarde desta segunda feira nunha nave do polígono de Couso en Aguiño, no municipio de Ribeira. Segundo informa o Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, o lume orixinouse á primeira hora da tarde en restos de materiais da demolición do propio inmóbel, concretamente no illante do panel frigorífico, ao parecer ocasionado polas faíscas dunha radial. Até o lugar desprazáronse os bombeiros de Ribeira e de Boiro, que extinguiron o incendio e comprobaron a seguridade do lugar. Tamén acudiron a Policía Nacional e a Local de Ribeira.
Banco Sabadell (Foto: Europa Press).
Agora

Banco Sabadell rexeita a oferta de fusión proposta por BBVA

Banco Sabadell rexeitou a oferta que BBVA formulou semana pasada para fusionar ambas as entidades ao considerar que xerará máis valor para o seu accionariado en solitario, segundo informou a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Pola súa parte, BBVA lamentou que o consello de Sabadell, que se reuniu esta segunda feira para avaliar a proposta de fusión, "rexeitara unha oferta tan atractiva".
José Raúl Mulino, novo líder panameño, celebrou na madrugada da segunda feira o triunfo. (Foto: Nós Diario)
Agora

O conservador Mulino gobernará Panamá cunha Asemblea Nacional fragmentada e dominada por independentes

Na madrugada da segunda feira confirmouse que o conservador José Raúl Mulino (Realizando Metas) foi escollido nas eleccións xerais do domingo como novo presidente de Panamá, substituíndo o progresista Laurentino Cortizo (Partido Revolucionario Democrático). Mulino terá que gobernar cunha Asemblea Nacional moi dividida, na que o grupo principal, 21 de 71, corresponde á candidaturas independentes.

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga (Foto: Nós Diario).
Agora

O PSdeG ve "intolerábel" que Rueda "rompa o compromiso" de non reincorporar ao PP o edil condenado por violencia de xénero

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, cualificou de "intolerábeis" as declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sobre a reincorporación ao PP do edil da Illa de Arousa (O Salnés) condenado por violencia de xénero. Esta segunda feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Goberno galego sinalou que "non" se oporá á "decisión do PP de Pontevedra" de recuperar ao edil. "O señor Rueda demostrou dúas cousas coas súas declaracións. A primeira, que non é unha persoa de fiar, que non é unha persoa de palabra", asegurou Fraga. Para a responsábel de Igualdade da formación socialista, Rueda tamén demostra que "non está á beira das vítimas de violencia de xénero" e lanza unha mensaxe "moi perigosa, dando a entender que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar".

'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).
Agora

Talía organiza unha función solidaria con Palestina da obra 'Unha inimiga do pobo'

Talía Teatro realizará unha función solidaria do espectáculo Unha inimiga do pobo, gañadora de 7 premios María Casares, este sábado, 11 de maio, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Cee. Talía quere manifestar así o seu apoio ao pobo palestino, que sofre "un brutal xenocidio e está vivindo unha situación humanitaria límite". O diñeiro recadado doarase á Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo.