'Nós Diario' chega esta terza feira con 16 páxinas máis: non perdas o especial sobre Ánxel Casal

Algunhas suposicións sobre quen matou a Ánxel Casal; a relación entre Ánxel Casal, o libro e Nós; a relación completa do espolio bibliográfico da editorial Nós, así como o propio espolio do patrimonio de Ánxel Casal son algunhas das temáticas que centran o caderno.
Antón Mascato e Patricia Arias escriben este caderno cuxa capa foi ilustrada  por Héitor Picallo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Antón Mascato e Patricia Arias escriben este caderno cuxa capa foi ilustrada por Héitor Picallo (Foto: Nós Diario).

Esta terza feira, 23 de abril, co gallo do Día Internacional do Libro, Nós Diario achega o caderno Ánxel Casal. Memoria de Nós, unha edición conmemorativa desta data que pon de relevo unha figura pioneira da edición na Galiza, Ánxel Casal.

Este caderno é unha homenaxe a quen foi o gran "facedor" do libro galego, como o denominan Antón Mascato e Patricia Arias Chachero. "O editor insubornábel, que dedicou, desde 1924 a 1936, todos os seus esforzos á creación dunha industria editorial que dese latexo material á actividade intelectual galega", dixera Fernández del Riego sobre o propio Casal.

Neste caderno de Nós Diario, Mascato e Arias Chachero reflexionan como era o libro, na altura e aínda hoxe, unha boa maneira de divulgar a cultura e o coñecemento, unha cuestión á que se entregou Casal de corpo enteiro até o seu asasinato en 1936 polo franquismo.

Abril, alén de ser o mes en que cadra o Día do Libro, é tamén o mes en que a editorial Lar asentou na Coruña (1924), no que traslada a editora a Santiago (1931) e no que muda a súa empresa da rúa das Hortas á do Vilar (1933).

16 páxinas máis

Desta maneira, o Nós Diario desta terza feira chega con 16 páxinas máis. Polo prezo de sempre, os lectores e as lectoras do xornal poderán desfrutar dun completo caderno que repasa a figura de Ánxel Casal como editor.

Algunhas suposicións sobre quen matou a Ánxel Casal; a relación entre Ánxel Casal, o libro e Nós; a relación completa do espolio bibliográfico da editorial Nós, así como o propio espolio do patrimonio de Ánxel Casal son algunhas das temáticas que centran o caderno.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios