Henrique del Río, politólogo e investigador sobre Faraldo: "Os textos da Revolución galega de 1846 recollen os problemas do país de hoxe"

A Revolución Galega de 1846 celebra este ano o seu 178 aniversario. Os mártires de Carral e a figura do xornalista e escritor Antolín Faraldo están hoxe de actualidade "como nunca e como sempre". Henrique del Río, membro de Vía Galega e estudoso de Faraldo, lerá este sábado 27 de abril o manifesto 'O valor de gañarmos o porvir'.
Henrique del Río lerá o manifesto de Vía Galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera Henrique del Río lerá o manifesto de Vía Galega (Foto: Nós Diario).

—A Revolución galega de 1846, Antolín Faraldo e os mártires de Carral seguen estando de actualidade logo de 178 anos?
En Faraldo e no provincialismo está todo o que vertebra a acción do movemento social do nacionalismo galego. Eu no manifesto o que farei é buscar a relación coa actualidade. Picar a curiosidade e estabelecer paralelismos co que pasou daquela e continúa a pasar. Os textos da época son todos utilizábeis hoxe, seguen sendo os problemas do país: a relación colonial, a explotación de recursos, o país como fornecedor de man de obra…

—A poboación coñece o que pasou naquel 1846?
É un dos episodios máis descoñecidos da historia do país, e non é algo inocente. Todo o mundo fala do Antigo Reino e da Idade Media. Neste caso penso que pola súa vixencia e polo que pode concluír calquera persoa, está moi deliberadamente sepultado. Por iso a necesidade deste tipo de actividades. Hai un refrán africano que di “até que escriban os leóns, as historias de caza van louvar aos cazadores”. O que se estuda nos institutos é un pronunciamento liberal máis, que os fusilan en Carral, sen ningunha aclaración. 

—Que significou a revolución?
Amosou a vontade de sermos e de existirmos como pobo diferenciado. O provincialismo arranca cando nos cortan en catro cachos, cunhas provincias que non teñen nada a ver coa realidade do país. É a reacción, porque nós somos un país. Faraldo di “non queremos ser máis que galegos”, esa é a súa frase definitoria, dicía que daba igual se nos chamaban patria, provincia, rexión ou nación se nos recoñecían como o que somos, galegos. 

—Aquela Xunta Superior do Goberno Provisional da Galiza, con Faraldo coma secretario, que fixo?
O texto da proclama é un programa de goberno . Son esbozos, chíos diríamos hoxe, falan dunha reforma do ensino. Non lles gusta o ensino baixo o poder da mitra, outorga á letra impresa o valor de emancipar a xente, de escravos a cidadáns. É un programa revolucionario por iso o ridiculiza a prensa da Corte chamándolle “constitución gallega”, na intencionalidade da descualificación ves a súa relevancia.

—Pouco se sabe de Faraldo mais, que supón na época?
“Faraldo prendía lumes nos peitos” di Otero Pedraio na súa novela Os camiños da vida. Polo que se ten estudado, é o primeiro que fai un corpus teórico esquemático, o valor de Faraldo e resumir a vontade de sermos con esa rotundidade tremenda para a época. Dicía queremos ser galegos e somos galegos. Oponse á pena de morte radicalmente na altura de 1846, oponse ao poder da Igrexa e plasma un nacionalismo cívico e fondamente feminista. 

—Feminismo no ano 1846 na Galiza?
Un dos traballos que fixen de Farando é sobre o seu papel como o primeiro protofeminista que hai na Galiza. Faraldo recolle cuestións que escribe Sarmiento na Ilustración e introduce o tema, se hai civilización é porque tratamos as mulleres coma persoas, o catecismo social é a emancipación das mulleres. Faraldo escribe que non podes emancipar un país sen contar coa metade da poboación e para pasarmos de servos a cidadáns elas veñen con nós.


"Na historia apréndese a liberdade"

Henrique del Río recoñece en Antolín Faraldo o valor dunha “estrela da revolución” galega de 1846. Estudoso da súa figura, Del Río destaca de Faraldo “a súa honestidade e a valentía de chamarlle ás cousas polo seu nome”. Segundo explica, Antolín Faraldo era un home claro, que pensaba e transmitía como cos chíos actuais. “Non queremos ser máis ca galegos” escribía Faraldo no xornal El Porvenir. Del Río destaca outra das súas frases, “na historia apréndese a liberdade”.  

Logo dos fusilamentos de Solís e os oficiais en Carral, Antolín Faraldo exiliouse, segundo relata Del Río estivo preso en Peniche, logo pasou por Madrid onde fundou e pecháronlle o xornal La Europa, e remata en Granada, onde morreu segundo a necrolóxica da época por unhas febres. “Morreu moi novo. Chegou antes de tempo e morreu demasiado cedo”.
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios