A Comisión Europea enxalza a investigación da UDC sobre os efectos da transición enerxética

13 rexións europeas de minaría de carbón e rexións intensivas de emisión de CO2, entre elas As Pontes (Eume), foron estudadas por un consorcio de 14 grupos de investigación europeos liderados polo Catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña (UDC), o profesor Ricardo García Mira.
O catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña (UDC), o profesor Ricardo García Mira (Foto: Nós Diario).
photo_camera O catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña (UDC), o profesor Ricardo García Mira (Foto: Nós Diario).

13 rexións europeas de minaría de carbón e rexións intensivas de emisión de CO2, entre elas As Pontes (Eume), foron estudadas por un consorcio de 14 grupos de investigación europeos liderados polo catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña (UDC), o profesor Ricardo García Mira.

A investigación foi financiada pola Comisión Europea con 3 millóns de euros, conseguidos nun competido e prestixioso concurso do programa Horizonte 2020. O profesor García Mira estivo auxiliado polo catedrático de economía aplicada Fernando González Laxe, o investigador hindú Nachatter Singh, e polas profesoras Marta Fernández Prieto e o Investigador Francisco Rey.

Todos eles formaron o equipo de investigación que coordinou o consorcio de máis de 50 investigadores e investigadoras europeas integradas en 14 grupos de investigación procedentes de 12 Estados da Unión Europea (UE).

O proxecto de investigación ENTRANCES-"ENergy TRANsitions from Coal and carbon: Effects on Societies" analizou as transicións de enerxía desde as zonas de carbón e as rexións intensivas de carbono e os seus impactos sobre a sociedade e tiña como obxectivo comprender e abordar os desafíos sociais asociados coa transición enerxética en 13 rexións europeas. O seu obxectivo xeral era formular políticas baseadas en evidencia e recomendacións prácticas para mitigar os impactos adversos desta transición tanto na poboación como nos territorios afectados.

Especificamente, o proxecto buscou profundar na intricada interacción de aspectos socioeconómicos, sociotécnicos, socioecolóxicos, socioculturais, sociopolíticos, sociopsicolóxicos e relacionados co xénero dentro destas rexións. A estes obxectivos clave engadiron xerar unha comprensión detallada das dimensións sociais da transición, identificar desafíos e estratexias de afrontamento específicos da rexión, fomentar unha visión compartida e abordar as disparidades de xénero.

A convocatoria europea, respondeu a un programa específico sobre "Aspectos Sociais da transición cara a enerxías limpas", que financiou ao consorcio liderado pola UDC nunha dura competición fronte a outros 18 consorcios europeos.

De acordo con o informe: "o equipo de ENTRANCE logrou avances substanciais cara a estes obxectivos. Este progreso abarcou o desenvolvemento de marcos analíticos, análises integrais de última xeración, marcos metodolóxicos para a recompilación e a análise de datos e a produción dunha ampla gama de datos empíricos. O proxecto facilitou a participación das partes interesadas a través de reunións de cocreación de coñecemento tanto a nivel rexional como da UE, garantindo que se considerase en diversas perspectivas na formulación de políticas".

Os resultados do proxecto, sinala o informe da Comisión Europea: "contribúen aos obxectivos e estratexias da política europea e espérase que teña un impacto na formulación de políticas. É relevante para as políticas e alíñase co enfoque da UE para abordar o cambio climático". Os resultados do proxecto, segue, "teñen o potencial de apoiar o desenvolvemento, o fortalecemento e a implementación das políticas da UE". Respecto á implementación, o proxecto "produciu informes de alta calidade, escritos de modo moi comprensíbel e cunha estrutura clara e vínculos ao traballo realizado", conclúe a Comisión Europea.

Comentarios