Opinión

Sabará, arte e natureza

Só vinte quilómetros separan a gran urbe de Belo Horizonte do rústico Sabará. O simpático taxista convértese en noso guía, dando explicacións sobre o terreo das súas vivencias. Así viaxamos entre aquelas forestas de exuberante verdor que custodian aquelas viravoltas do río da Velha. Un río moi pormenorizado en suxerencias fluviais, cando pasa polos extremos de Sabará, farturento e arrogante sen tino, coa súa cor de terra; nas cachoeiras, unhas veces canta primores e outras, en sonoros brúos, produce temor. Mais o río da Velha é un don de vida para esa poboación que resiste a ambas ladeiras da súa conca e del precisa para harmonizar a súa vida e a súas xentilezas.

A Sabará chegaron os bandeirantes e exploradores de minas á procura de ouro, furaron esas montañas e montaron artificios auríferos polos remansos do río, por onde se concentrou unha poboación de braceiros e de seus magnates. Construíron igrexas de tipo colectivo e de tipo persoal. De todos eses templos barrocos do século XVIII, que convidan a un longo itinerario, escollemos dúas igrexas a de Nossa Senhora da Conceição  e a igrexa de Nossa Senhora do Ó. A primeira delas ofrece un rigor de riqueza máis que de santidade. Aquí pódese saber o valor daquel ouro e de quen o administraba, investindo na luxuriosa arte barroca das prepotencias. Alí dentro, daquelas tres naves da Nossa Senhora da Conceição, veñen a un tódolos interrogantes da arte e do poder que ela representaba. Alí dentro hai arte que nos integra e subministra devoción, mais tento de interrogar a toda esa iconografía que implora silencio, en silencio mastiguei boa parte dos detalles; un silencioso diálogo coa arte revelando as intencións de quen a mandou construír. En todas esas columnas e teitumes, cubertas de nobres madeiras onde o artista impuxo o maior acervo da súa orixinalidade artística. Retablos, esculturas, frescos e outros ornamentos configuran a grandeza aurífera das minas de Sabará e das súas clases dominantes que o colonialismo mantivo neste fermoso paraíso.

A capela de Nossa Senhora do Ó, construída en 1717, configúrase nesa extrema variedade de elementos esculturais e de pinturas que piden reverencia para eses persoeiros de santoral católico. O máis peculiar desta capela é o oratorio persoal dos que exploraban as minas, leva o selo oriental daqueles pintores orixinarios de Macau que impuxeron una serie de escenas pictóricas de cacerías, da flora e da fauna en formato chinés, que moito din do intercambio da mestizaxe cultural en toda a lusofonía.

Nestas igrexas están as grandes obras do Aleijadinho. Naturalmente, este escultor foi o que configurou as expresivas  esculturas nos grandes santuarios que se edificaron ao lado das minas de ouro. Mais a miña máis grata descuberta en Sabará foi esa expresiva escultura de San Juan de la Cruz, do Aleijadinho. O admirábel e insuperábel poeta carmelita interpretado por outro grande da escultura rasileirs.

De Sabará tamén son esas casiñas decorosas e humildes feitas á medida da pobreza e plantadas nas congostras do mato; eses lúcidos fontanarios que transcenden silencio barroco onde a auga esclarece a súa cantiga, ben contada e ben rimada; esas rúas franciscanas adobiadas de pedras miúdas que o río da Velha labrou en témporas de alporizado trebón; esas nobres casas que aínda izan a bandeira do pasado colonial en seus blasóns; esas xentiñas de afabilidade  tan distinguida e comunicante que veñen a esclarecer a hospitalidade mineira.

Un regresa a Belo Horizonte ao lado das augas bulideiras do río da Velha e mentres este desaparece entre grosas montañas o perfil da grande urbe deixase observar neses fantásticos ou fatídicos rañaceos –depende desde o ollo que se mire- e un esgota as últimas horas na capital do estado de Minas Gerais.             

Comentarios