O CIG chama a mobilizarse este Primeiro de Maio por un traballo digno, na defensa da soberanía dos pobos e contra o imperialismo

O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, apelou a facer fronte ás políticas "reaccionarias, antisociais e antigalegas".

paulo carril susana mendez
photo_camera Susana Méndez e Paulo Carril (Foto: Nós Diario)

A CIG presentou a campaña arredor da que xira este ano a conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada na que a central sindical ten convocadas 16 manifestacións en cidades e vilas e que se celebrará baixo o lema Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo.

Convocatorias nas que, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril, denunciarase “o belicismo e apoloxía da guerra que a UE, en entusiasta obediencia aos Estados Unidos (EUA) e ás misións da OTAN, está axitando para disimular manterse á fronte dun mundo que camiña a ser irreversiblemente multipolar e a rachar coa globalización neoliberal, co imperialismo que os EUA queren manter a lume, sangue e morte”.

Nese sentido, rexeitou o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu “xenocidio” ao pobo palestino. “Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”, dixo.

Neste contexto, advertiu dos altos prezos do cesto da compra; da baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012”, afirmou.

Así mencionou algúns dos datos máis salientábeis que constatan esta situación, como o aumentou nun 125,1% dos contratos fixos-descontinuos desde 2021; o medre das xornadas parciais, que pasaron de ser 19,8% en 2021 a representar 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (75,5%) ou que 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.

Por iso situou como obxectivo prioritario da CIG a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios e combater a pobreza porque, tal e como lembrou, 33,6% dos e das asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI e 59,3% das persoas que percibiron ingresos procedentes do traballo non acadou os ingresos medios de Galiza, é dicir, estes son inferiores aos 21.999 euros, “o que amosa as grandes fendas existentes”.

Fendas que, subliñou, vén confirmar tamén a taxa Arope, que considera en risco de pobreza os fogares cunha renda inferior a 60% da mediana de ingresos, de 8,449,20 euros. “Isto representa na Galiza cerca do 26%, aumentando 1,8 puntos, mentres que no Estado medrou 1,2 puntos”.

Responsabilizou desta situación ás políticas laborais do Goberno español e ao diálogo social que, advertiu, “agora camiña no intento de impoñer novos recortes”, entre os que sinalou a privatización da sanidade pública, impulsando o abuso das Mutuas, acordado no V AENC e que, segundo explicou, “agora o INSS quere impor fomentando que os procesos de IT por contixencias comúns derivados de patoloxías músculo-esqueléticas sexan postas en mans das Mutuas”.

Denunciou tamén que se estea a negociar no diálogo social, sen respectar os dereitos de representación das centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG, cambios na Seguridade Social.

Carril cuestionou, “fronte á propaganda do Goberno español”, as políticas neoliberais e a aplicación do programa de reformas que o plan de axuste europeo impón para acceder aos envelenados e sonados fondos Next Generation.

Políticas coas que, lembrou, concorda o PP en Galiza que, tras renovar a súa maioría absoluta as aplicará, xunto con todas aquelas que “reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español”. Unha situación que considerou que supón “a negación dun desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares”.

Un Goberno, o do PP, ao que acusou de “estar obsesionado coa privatización dos servizos públicos, entregado ás grandes empresas que veñen espoliar e explotar de forma colonial os nosos recursos naturais mentres avanza o avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego”.

Solidariedade de clase

Por todo isto, chamou á mobilización neste Primeiro de Maio, nos centros de traballo e tamén nas rúas. “Non podemos permitir que, ante esta situación, impoñan a desmobilización para facilitar un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que os diferentes gobernos e a UE pretenden seguir desenvolvendo como o veñen facendo desde hai anos”, dixo, engadindo que “cómpre confrontarmos o roubo e saqueo que estamos a vivir; necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora e do pobo galego siga demostrando que pode con todo, que ten unha enorme capacidade de acción”.

E sobre esa capacidade de acción quixo salientar a importancia de que a CIG sexa a primeira forza sindical e os resultados de entender o conflito e a mobilización “como único camiño para a conquista de dereitos”. Resultados recollidos polo CGRL, que confirman que, como resultado da negociación colectiva en Galiza no 2023 o incremento salarial pactado foi de 4,63%, fronte a 3,46% na media do Estado. “Fomos o territorio do Estado con maior incremento salarial e no Estado mesmo quedou por baixo do que o V AENC de UGT, CCOO e Patronal pactaron”.

Carril concluíu lembrando o lema deste Primeiro de Maio, “Stop Precariedade, Traballo Digno” e chamando a reclamar un marco galego de relacións laborais e unha nova lexislación laboral e social “que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións, da demanda dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e do reforzo dos servizos públicos en Galiza”.

Comentarios