Ratificado o segundo nivel da Xunta da Galiza: Medio Ambiente centralizará tramitar parques eólicos, pero planificará Economía

A Dirección Xeral de Mobilidade pasa a depender da Consellaría de Presidencia, que dirixe Diego Calvo

Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).
photo_camera Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta cuarta feira a estrutura do segundo nivel da Xunta da Galiza tras os cambios que decidiu acometer o presidente galego, Alfonso Rueda, co que queda ratificado a novo organigrama das Consellarías, así como algunhas decisións de calado político adoptadas no seu novo mandato.

É o caso das competencias en materia de enerxías, que asume Medio Ambiente e Cambio Climático (que dirixe Ángeles Vázquez), aínda que, na liña do Goberno "horizontal" que pretende impulsar Rueda, terá que traballar en coordinación con outros departamentos, especialmente con Economía e Industria (cuxa titular é María Jesús Lourenzá).

Así, o DOG fai constar que Medio Ambiente asumirá as competencias e funcións de tramitación e outorgamento das autorizacións das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica e enerxía hidroeléctrica que sexan de responsabilidade autonómica, así como das súas instalacións de conexión.

De modo particular, precisa que asumirá as competencias de autorización administrativa das instalacións dos parques eólicos e das súas instalacións de conexión, así como a declaración da súa utilidade pública, pero tamén precisa que a Consellaría de Economía e Industria exercerá as competencias de planificación do aproveitamento eólico previstas na lei.

Así mesmo, Economía asumirá as funcións de seguimento do cumprimento das declaracións de impacto ambiental e dos informes de impacto ambiental correspondentes ás instalacións previstas.

En resumo, Medio Ambiente centralizará as tramitacións e autorizacións —asumindo a función de impulso e coordinación da emisión dos informes sectoriais—, mentres que Economía terá as demais competencias en materia de enerxía, incluídas as referidas a planificación estratéxica.

Economía manterá competencias ligadas a innovación

Outro dos anuncios de Rueda que reflicte a estrutura publicada no DOG é que Economía asumirá as competencias en materia de chan empresarial e, de acordo con iso, asumirá a tutela funcional da sociedade pública Xestión do Solo da Galiza-Xestur, S.A.

E estabelécese unha distinción: aínda que a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional terá adscrita a Axencia Galega de Innovación, o departamento de Lourenzá seguirá xogando un papel significativo en materia de promoción industrial, desenvolvemento tecnolóxico e innovación dos sectores produtivos.

Para os efectos desta premisa, poderán adscribirse á Consellaría de Economía e Industria os centros e infraestruturas tecnolóxicas e produtivas da Administración galega que se determine. En particular, asumirá a xestión do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e u Deseño.

Economía tamén será a encargada de asumir os labores de promoción do parque industrial de Rozas, en Castro de Rei (comarca de Lugo) e a xestión de todos os programas derivados da Civil UAVs Initiative.

Transporte, Vivenda e Direccións Territoriais

Ademais dos novos departamentos ligados a Presidencia, xa anticipados por Rueda —coa dirección de Asuntos Constitucionais e a Oficina de Coordinación Económica como novidades máis significativas—, e de ratificar os nomeamentos e cesamentos (tamén confirmados a pasada segunda feira), o DOG ratifica os organigramas das distintas consellarías coas súas secretarías e direccións xerais.

No caso da Consellaría de Sanidade, tras avanzar Ruedo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) integrarase "por completo" na mesma, na estrutura publicada polo boletín oficial galego figura como organismo autónomo adscrito ao departamento que dirixe agora Antonio Gómez Caamaño.

En concreto, no DOG detállase que a Consellaría quedará estruturada cunha Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Saúde Pública, e a de Planificación e Reforma Sanitaria. Adscritos á Consellaría estarán o organismo autonómo Sergas, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Fontes de sindicatos sanitarios consultados pola axencia Europa Press incidiron en que están pendentes de recibir información sobre os "efectos reais" do cambio que Rueda avanzou para o Sergas e dos novos cargos que poidan ser nomeados por baixo do conselleiro.

Así mesmo, ratifícase que a Dirección Xeral de Mobilidade pasará a depender da Consellaría de Presidencia, que dirixe Diego Calvo, e a integrar as competencias en materia de transporte escolar e adaptado. E en canto á persoa titular da Secretaría Xeral de Vivenda (outra novidade do segundo escala da Xunta) asumirá tamén a Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Finalmente, materialízase a supresión das xefaturas territoriais e a asunción das súas competencias polas direccións territoriais, o que Rueda definiu na segunda feira como "un cambio de denominación", nunha intervención na que tamén anticipou que non sería imprescindíbel ter a condición de funcionario para acceder a este cargo.

Comentarios