O PSdeG cre que a Xunta da Galiza “pon en risco” os montes por non iniciar os traballos de prevención de incendios

A portavoz de Política Forestal socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxe ao Goberno galego para "comezar xa" cos traballos para previr lumes cando falta un mes para acabar o prazo.

A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta (Foto: Nós Diario).

No PSdeG alertan do perigo de incendios nos montes galegos pola atraso en comezar os traballos de prevención por parte da Xunta da Galiza. A portavoz de Política Forestal socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu ao Goberno galego para que "comece xa" cos traballos de prevención de incendios que "tiñan que estar finalizados" antes de xuño.

Ante esta situación, a deputada socialista acusou ao Executivo de Alfonso Rueda de "incumprir coa obriga" de presentar publicamente en prazo o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais deste ano, "poñendo en risco" o monte galego.

Por este motivo, Dacosta presentará esta terza feira unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento galego para exixirlle ao director xeral de Montes que entregue a documentación que a Xunta "anunciou a través de nota de prensa", mais que "aínda non se fixo pública".

Presentar o Pladiga no Consello Forestal

Ademais, advertiu de que antes da aprobación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga),  "ten que ser presentado" no Consello Forestal, mais este órgano "aínda non foi convocado".

Carmen Rodríguez explicou que da aprobación deste documento depende de que o Goberno galego "dea orde de empezar" cos traballos de prevención de incendios.

Neste sentido, urxe á Xunta para que "cumpra coa súa obriga", xa que os incendios forestais na actualidade "non entenden de estación", polo que ten "pouca lóxica" que esperen a empezar cos traballos cando "xa pasou medio ano de sucesos" e a prevención "xa debería de estar realizada".

Menos de 3.000 efectivos

As consecuencias de "deixamento da Xunta", continuou a socialista, é que cada ano "repítanse os fallos" que afectan á aplicación do plan de prevención, mentres que "a única preocupación" é a de "maquillar a realidade e enganar á cidadanía".

Desta maneira, explicou que o operativo de extinción de incendios que anuncia a Xunta integrado por 7.000 persoas, en realidade "non están a disposición" ou "son vacantes", co cal o dispositivo é de "menos da metade, nin sequera 3.000 persoas".

Comentarios