PNV e PSOE ratifican que repetirán coalición de Goberno en Euskadi logo de manter a maioría absoluta

Imanol Pradales (PNV) converterase no novo lehendakari.
Evolución de escanos no Parlamento Vasco desde as eleccións territoriais de 2012. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Evolución de escanos no Parlamento Vasco desde as eleccións territoriais de 2012. (Imaxe: Nós Diario)

Bizkaia, berce do nacionalismo vasco, permitiu ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) manter nos comicios territoriais que decorreron o domingo a súa imbatibilidade como primeira forza en votos nas eleccións deste tipo, impedindo o sorpasso de EH Bildu, que o superou en sufraxios e escanos nos outros dous territorios históricos de Euskadi, Araba e Gipuzkoa.

Finalmente, e a expensas do reconto das papeletas da emigración a sexta feira, o empate a 27 asentos entre jeltzales e abertzales supón o mellor resultado conxunto a nivel histórico das forzas nacionalistas, que concentrarán 72% do Parlamento.

Con todo, a alza de EH Bildu non implicará cambios a nivel gobernamental, unha posibilidade que fechou de forma definitiva a suba do PSOE, que terá 12 representantes, garantindo á coalición de Goberno desde 2016 baixo o liderado do PNV a maioría absoluta nun lexislativo que completan o Partido Popular (7), Vox (1) e a alianza encabezada por Sumar (1).

A presidenta da Executiva do PNV en Bizkaia, Itxaso Atutxa, sostivo a segunda feira que comezarán “canto antes” as conversas co PSOE para reeditar a coalición de Goberno que converterá o seu candidato, Imanol Pradales, no novo lehendakari, e admitiu que a pesar de que EH Bildu non foi quen de superalos -ficando 29.000 votos por detrás- “si hai un cambio na sociedade vasca” que deben “escoitar”.

O secretario xeral do PSOE vasco, Eneko Andueza, incidiu en que pretenden “sentar o antes posíbel” co PNV para negociar o novo Executivo e defendeu “unha gran presenza no Goberno” da formación estatal, descartando ao tempo calquera clase de pactos cos abertzales.

Pola súa parte, o candidato de EH Bildu, Pello Otxandiano, sinalou que unha vez estabelecido que a posición do PSOE con respecto a repetir a coalición co PNV “é clara”, “non paga a pena tratar de modificala” a menos que “ambos os dous partidos se abran” a un cambio no “tipo de gobernación”, lembrando que amais da maioría absoluta nacionalista tamén haberá unha “maioría absoluta de esquerdas”.

Ademais de facer fincapé en que o empate electoral acaba coa “hexemonía institucional” do PNV, Otxandiano subliñou que obtiveron un “resultado histórico” cun “crecemento sólido e homoxéneo”.

Arredor do debate sobre ETA, que marcou as últimas xornadas de campaña, apuntou que “nunca se saberá cal foi o impacto real”, e Atutxa indicou que “o seu titubeo e non aceptación de que ETA foi un grupo terrorista puido mobilizar algo máis a campaña” nun momento no que as enquisas adiantaban que os abertzales se colocarían por primeira vez como primeira forza do Parlamento.

No tocante a Sumar, que a diferenza do acontecido nas eleccións galegas logrou entrar na Cámara, Jon Hernández, o seu único parlamentario electo, explicou que non concorrer canda Podemos “facía as cousas máis difíciles”, e o secretario de Organización de Izquierda Unida, Ismael González, definiu o resultado como “malo”, detallando que Sumar non está a conseguir ser un espazo “aglutinador”.

Nestas votacións produciuse un aumento de case 160.000 sufraxios en relación a 2020 e unha suba de 10 puntos na participación provisoria ate 62,52%, que se actualizará co reconto da diáspora, o que explica a baixada de escanos do PNV após aumentar en máis de 20.000 as súas papeletas, aínda así moi por baixo dos 92.000 votos máis cos que se fixo EH Bildu.

Comentarios