A OTAN concentrou en 2023 55% do gasto militar mundial, que supón 1,27% do PIB do planeta

Noveno ano consecutivo de suba.
Tanques almacenados en Bélxica. (Foto: Nicolas Landemard/ Europa Press / Contacto)
photo_camera Tanques almacenados en Bélxica. (Foto: Nicolas Landemard/ Europa Press / Contacto)

2023 foi desde 2009 o ano cun maior aumento do gasto militar no mundo e o noveno consecutivo de subida, concluíu a segunda feira un informe do Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri), que desvela que despois do incremento de 6,8% nun ano ascendeu a 2,3% do produto interior bruto do planeta, o que atribúe á “deterioración global da paz e da seguridade”, advertindo que os Estados se arriscan “a unha espiral de acción-reacción nun panorama xeopolítico e de seguridade máis volátil”.

O mellor expoñente desta carreira armamentística é a alianza militar controlada polos Estados Unidos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que acumula 55% dos 2,3 billóns de euros de gasto militar do pasado ano.

Nese sentido, Washington superou os 860.000 millóns de euros neste ámbito, 68% do gasto da OTAN, moi por riba do segundo país nesta listaxe, a China, con case 280.000 millóns, e Rusia, que excede os 100.000 millóns.

En Europa, a maior suba de gasto castrense foi protagonizada por Polonia, onde medrou 75% de 2022 a 2023, cando aínda estaba gobernada pola ultradereita.

Israel, unha alza de 24%

No caso de Asia Occidental, a agresión militar de Israel ao territorio palestino de Gaza e o temor a unha guerra rexional elevaron 9% o gasto militar o pasado ano, o maior crecemento na última década.

O réxime de apartheid sionista foi tras Arabia Saudita o que máis aumentou na zona, 24% até 25.800 millóns de euros.

Malia que a alza foi xeneralizada en todas as rexións, no caso de América Central e o Caribe as motivacións son diferentes, respondendo á loita contra o crime organizado.

Comentarios