Centos de persoas forman unha bandeira Palestina en solidariedade coas vítimas de Israel

As catro asociacións da Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina organizaron este acto de solidariedade e denuncia na praza da Quintana de Compostela.
001
photo_camera A praza da Quintana ateigouse de xente solidarizándose con Palestina.

As Asociacións Galaico Árabe Jenin,  BDS- Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina organizaron na mañá deste domingo, 21 de abril, un acto de solidariedade con Palestina consistente na montaxe dun mosaico dunha grande bandeira palestina. 

As catro asociacións da Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina, que organizan desde hai xa máis de seis meses concentracións periódicas en toda a Galiza para mostrar a súa repulsa polo xenocidio que Israel comete contra o pobo palestino, nomeadamente na Faixa de Gaza, lograron que centos de persoas se coordinasen para formar un gran pavillón palestino na praza da Quintana.

O acto, que estivo aberto a toda a cidadanía, estivo animado por música palestina, pola actuación dun grupo de animación de rúa e por un grupo musical de escolares galegas.

A dirección estivo a cargo do recoñecido clown Iván Prado, fundador e portavoz de Pallasos em Rebeldía, unha agrupación que actuou en numerosas ocasións na Palestina e formou unha escola de clowns em Gaza e na Cisxordania cuxas instalacións e integrantes foron ferozmente atacados nos últimos meses polo exército sionista. 

Os colectivos organizadores do evento e os centos de persoas que se uniron ao acto manifestaron así "o seu rexeitamento à cruel política de xenocidio e limpeza étnica que o ente sionista practica desde hai xa 75 anos contra o pobo palestino, con violencia renovada nestes últimos 6 meses durante os cales tenta destruir todo vislumbre de vida e resistencia palestina na Faixa de Gaza e na Cisxordania".

Comentarios