Rubiales será xulgado polo bico a Jennifer Hermoso

A Audiencia Nacional rexeita o seu recurso.
O presidente da RFEF, suspendido do cargo temporalmente, Luis Rubiales. (Foto: Óscar J. Barroso / AFP7 via Europa Press)
photo_camera O presidente da RFEF, suspendido do cargo temporalmente, Luis Rubiales. (Foto: Óscar J. Barroso / AFP7 via Europa Press)

A Sala do Penal da Audiencia Nacional confirmou esta segunda feira a apertura de xuízo oral contra o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales; o antigo seleccionador, Jorge Vilda; o director deportivo do combinado estatal e ex xogador do Dépor, Albert Luque; e o que fora responsábel de Márketing da RFEF, Rubén Rivera, polo bico non consentido a Jennifer Hermoso e posteriores coaccións despois da final da Copa do Mundo.

En catro autos distintos, un por cada recurso presentado polas defensas e que foron rexeitados na súa totalidade, os maxistrados da Sección Terceira indican que na fase procesual na que se atopa a causa "non se persegue a acreditación de feitos", senón que se trata dun "impulso procesual no que o órgano instrutor ten que valorar se existen sináis para continuar a tramitación do procedemento".

Neste caso, a Xustiza considerou que os feitos que se describen no auto que propuxo sentar no banco a Rubiales, Vilda, Luque e Rivera "recolle indicios que encaixan na descrición típica dun delito contra a liberdade sexual e outro de coaccións, xa sexan no marco do 172.1 do Código penal ou de carácter máis leve".

O tribunal, ademais, explica que as consecuencias xurídicas "do bico e do constrinximento non poden ser obxecto de valoración neste momento", e que os recorrentes pretenden "confrontar as declaracións como se fose un xuízo oral".

"As testemuñas -segundo os maxistrados- relatan uns feitos que son susceptíbeis de encadrarse nos dous delitos, polo que o desafío probatorio corresponderá á fase do plenario e non á instrución, que se limita a determinar se existen indicios e se son subsumíbeis nun tipo penal".

O bico "non foi consentido"

Foi o pasado mes de xaneiro cando o xuíz Francisco de Jorge propuxo xulgar a Rubiales ao considerar que o bico á xogadora "non foi consentido" e que o dirixente actuou de forma "unilateral e sorpresiva".

Ademais de ao ex futbolista do Levante, tamén defendeu enviar ao banco a Luque, Vilda e Rivera polas "presións posteriores" ás que se someteu á xogadora para que accedese a realizar unha manifestación pública afirmando que o bico fora consentido, no que definiu como "unha acción concertada".

Comentarios