Jessica Bouzas supera Paula Badosa e avanza no Madrid Open

Primeiro triunfo da tenista nun torneo WTA 1000.
Na seguinte rolda colidirá coa favorita número 9, Jelena Ostapenko. (Foto: RFET).
photo_camera Na seguinte rolda colidirá coa favorita número 9, Jelena Ostapenko. (Foto: RFET).

O Mutua Madrid Open, cuarta proba do circuíto Másters da tempada, non será un máis na carreira de Jessica Bouzas, pois alí a tenista galega obtivo esta cuarta feira o seu primeiro triunfo nun torneo da categoría raíña.

E foi, nin máis nin menos, que ante Paula Badosa, á que superou nun encontro que concluíu 2-6, 6-3 e 6-3. A catalá, semifinalista deste certame en 2021 e número 2 do mundo por estas mesmas datas en 2022, logrou estar finalmente no cadro a pesar da lesión muscular que padeceu recentemente en Stuttgart (Alemaña), pero non tivo opción algunha ante unha Bouzas que se viu obrigada inxustamente a disputar unha fase previa. 

Con todo, os inicios do choque non foron un paseo militar para a vilagarciá de 21 anos, pois a pesar de gañar os dous primeiros xogos e verse cun dous cero ao seu favor no primeiro set, Badosa volveu brillar coa luz dos vellos tempos, levantando o resultado adverso tras imporse en seis xogos consecutivos que lle serviron para fechar o primeiro set.

Encabuxada, Jessica Bouzas pasou a exhibir a súa mellor versión sobre a terra batida da pista Manolo Santana, na Caixa Máxica, rompendo os dous primeiros servizos de Paula Badosa para situarse 4-0 no electrónico, vantaxe que logrou consolidar até o definitivo 6-3, mesmo marcador co que concluíu unha terceira manga na que demostrou que, definitivamente, este 2024 é o seu ano.

Na rolda de prensa posterior ao encontro, a súa contrincante, visibelmente decepcionada, só tivo boas palabras para a evolución da tenista de Vilagarcía de Arousa: "Vén de irromper no 'Top-100' por vez primeira e non me sorprende. Vina xogar hai catro anos e xa pensara daquela que tiña moitísimo potencial; ten confianza e pode facelo moi ben no futuro".

Pola súa parte, a protagonista da fazaña non puido disimilar a súa felicidade por facer realidade "o soño de gañar na pista Manolo Santana"

Agora, para seguir dando continuidade á súa participación no Mutua Madrid Open ten por diante un desafío aínda máis complexo: a letoa Jelena Ostapenko. Actual número 10 do mundo, unha vitoria sobre a novena favorita do torneo e campioa de Roland Garros en 2017 sería a maior fazaña completada por Bouzas na súa traxectoria até o momento. 

Comentarios