Bóla de partido de Jessica Bouzas contra a discriminación do Madrid Open

A tenista galega logra coarse na fase final da proba.

Jessica Bouzas é todo alegría. (Foto: FGT).
photo_camera Jessica Bouzas é todo alegría. (Foto: FGT).

A estas alturas resulta imposíbel negar a condición de Jessica Bouzas como herdeira da retirada Lourdes Domínguez como mellor tenista galega. Aos seus 21 anos, e despois de deixar pistas sobre o talento co que conta a súa raqueta en diferentes torneos ao longo dos últimos dous anos, finalmente explotou na presente tempada.

Logo de comezar a tempada 2022 entre as mellores 400 mulleres do planeta e a 2023 como 200, a mediados deste mes logrou, finalmente, irromper, e de que forma, no 'Top-100' do ránking WTA, ascendendo desde a posición 104 até a 90 logo de alcanzar a súa quinta final do ano no II Open de Zaragoza ITF W100, que se engadía así ao seu segundo posto no W50 do Porto e aos seus títulos no WTA 125 de Antalya (Turquía) e nos ITF W75 do Porto e W50 de Morelos (Portugal).

Mais agora Bouzas esnaquizou unha nova barreira, pois por vez primeira na súa carreira será parte da fase final dun torneo WTA 1.000, a máxima categoría a nivel internacional.

Non obstante, cabe destacar que a de Vilagarcía competirá no Mutua Madrid Open despois de superar unha previa da que, dada a súa condición de xogadora con pasaporte español máis en forma do momento -especialmente tendo en conta a lesión de Paula Badosa e a retirada de Garbiñe Muguruza esta mesma semana-, debería estar exenta.

Con todo, en lugar de queixarse, a galega apertou os puños e encarou unha previa que comezou ante a estadounidense Claire Liu, unha tenista que a pesar de ser a día de hoxe a 115 do mundo, chegou a ser a 52 en xuño de 2023, derrotándoa nun igualado encontro por 6-2, 2-6 e 6-4.

Xa na segunda e decisiva eliminatoria previa, disputada esta terza feira, a súa contrincante foi outra norteamericana, a veterana Sachia Vickery, á que venceu en dous sets (7-6, 6-2).

Comentarios