O Dépor Abanca ascende á Liga F ante 14.000 deportivistas

Riazor bateu a marca de asistencia a un partido da categoría, con máis de 14.000 espectadores.
O Deportivo Abanca pechou o seu ansiado regreso á máxima categoría do fútbol feminino. (Foto: R. C. Deportivo)
photo_camera O Deportivo Abanca fechou o seu ansiado regreso á máxima categoría do fútbol feminino. (Foto: R. C. Deportivo)

O Deportivo Abanca fechou o seu ansiado regreso á máxima categoría do fútbol feminino, a Liga F, cunha gran vitoria ante o Cacereño Femenino nun Riazor totalmente entregado no que se bateu a marca de asistencia a un partido da categoría, con máis de 14.000 espectadores.

Desde o comezo dominou o encontro o Dépor, que merodeou continuamente a área estremeña. As numerosas accións de ataque e varios saques de esquina, con todo, non se traduciron en ocasións claras no primeiro cuarto de encontro.

A colexiada detivo o encontro no minuto 28 debido á calor reinante, como manda o regulamento. As xogadoras de ambos os equipos gozaron dun par de minutos para refrescarse perto dos seus respectivos bancos.

Despois da pausa de hidratación, si empezou a xerar maior perigo o Dépor. No minuto 31, Paula Gutiérrez disparou rozando o pau despois de facerse cun balón solto na área cunha ruleta. Dous minutos despois, Sara lanzou un libre directo, moi tocado por riba da barreira, que atrapou a porteira visitante. Aos 36 minutos, Lucía Martínez disparou alto de lonxe. Uns segundos despois produciuse un centro longo pasado de Ainhoa Marín desde o extremo esquerdo que bateu coa dereita Inés Altamira, estrelando o coiro no pau esquerdo da meta estremeña. A piques de cumprirse o tempo regulamentario, Ainhoa Marín centrou de novo desde o extremo esquerdo e Cris Martínez cabeceou no segundo pau ao lateral da rede.

O primeiro tanto se fixo esperar até o tempo engadido da primeira metade. Un centro de Charle a perna cambiada desde o extremo dereito controlouno orientado Ainhoa Marín no punto de penalti e levou a pelota ao fondo das mallas para facer o seu quinto tanto da temporada.

Na segunda parte, as cousas foron como unha seda. Aos sete minutos da continuación, Lucía Martínez puxo un balón en profundidade para Millene, que definiu á perfección ante Delia con potente disparo por alto ao primeiro pau.

A propia dianteira brasileira abriu unha brecha definitiva no minuto 74, ao transformar un penalti que cometeu Leivis Ramos sobre Ainhoa Marín. A '10' deportivista asinou o seu dobrete e o seu tanto número 15 no presente campionato.

Momentos antes do penalti, Eva Dios entrou ao terreo de xogo en lugar de Lucía Martínez, para cumprir o seu partido oficial número 100 co Dépor. A pontevedresa converteuse na sexta futbolista en alcanzar esa cifra após Cris Martínez (201), Gaby (117), Iris (107), Peke (106) e Lía (102).

Riazor converteuse nunha auténtica festa, onde máis de 14.000 persoas fixeron a onda durante varios minutos. O Cacereño Femenino anotou o tanto da honra no tempo engadido, no que Ainhoa Marín puido redondear o resultado pero escorregou após tentar regatear no man a man á porteira visitante.

Xa daba igual. A vitoria e o ascenso a Liga F despois de tres anos de ausencia estaban asegurados.

Comentarios