A faceta máis xornalística de Benito Vicetto, a análise en Ferrol

Llorca e Castro valoraron o labor do historiador na prensa escrita da época
Guillermo Llorca e Xermán Castro, esta terza feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Guillermo Llorca e Xermán Castro, esta terza feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga e a Sociedade Cultural Medulio continúan na súa tarefa de sacar a figura de Benito Vicetto "do esquecemento", cunha xeira de palestras que acolle o salón de actos do Antigo Hospicio de Ferrol con motivo do bicentenario do nacemento do significado xornalista, historiador, dramaturgo e novelista. 

Esta terza feira, o historiador Guillermo Llorca e o xornalista Xermán Castro deron conta da faceta de Vicetto como xornalista. Así, Llorca destacou as súas colaboracións en cabeceiras tanto de Ferrol como da Galiza, contabilizándose 24 publicacións periódicas rubricadas coa sinatura do historiador ferrolán. Esta cifra corrobora, segundo explicou Llorca, "a enorme capacidade que tiña Vicetto", pois alén das cabeceiras galegas, foron arredor de 70 no Estado español e na emigración. 

Llorca salientou, ademais, a creación da revista Galicia, editada en Ferrol, sendo Vicetto o seu auténtico impulsor. "Non foi só redactor, senón que foi capaz de aglutinar nas súas páxinas as figuras máis sobranceiras da intelectualidade ferrolá como da galega [...]. Congregou nas súas páxinas persoeiros como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Pondal...". 

Esta publicación "pon remate ao seu labor xornalístico e conságrao como un dos periodistas máis importantes da Galiza". 

O seu traballo no Estado

Pola súa parte, Xermán Castro complementou o discurso de Llorca relatando o traballo de Vicetto no xornalismo español, a acollida que lle deron e como utilizou este sector para promover toda a súa obra, "salpicada con ese episodio controvertido cando en Historia de Galicia verteu a súa teoría que negaba a divindade de Deus". Isto supúxolle unha "campaña de crítica e descrédito por parte da Igrexa". 

Finalmente, Castro –que fixo un adianto do seu vindeiro libro, o cal revisará a obra de Benito Vicetto– valorou as reaccións á morte do xornalista e historiador, "escasas e moi pouco xenerosas", afirmou.

Comentarios