Opinión

Panteón Nacional

[Xoán Costa]

Bonaval é un lugar cheo de referencias históricas e mitolóxicas e ocupa un lugar preferente entre os espazos simbólicos da Galiza. Tamén é, por Lei de 2023, Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e alí están, desde 1891, os restos de Rosalía, única muller entre os ilustres. Mais a idea do Panteón nace moito antes. En abril de 1845 El Porvenir, xornal dirixido por Faraldo, publica un texto en que reivindica a creación dun museo e dun panteón de persoas célebres. Sen dúbida pensaba Faraldo no Panteón de París, onde estaban enterradas moitas figuras da revolución e onde lucía a inscrición: “Aos grandes homes a patria agradecida” (tamén en París é singular a presenza feminina, só Marie Curie). Ese museo, ese panteón deben servir – indica Faraldo- para visibilizar a verdeira historia da Galiza, e a de tantas celebridades  que dela saíron, e que é descoñecida por sermos vistos os galegos  “como os ilotas da sociedade española” Por iso reivindica Faraldo a creación de símbolos, o Panteón entre eles, que sirvan para afirmar a identidade da Galiza.
En 2022 o Panteón de Hombres Ilustres de Madrid, no que non hai mulleres,  pasou a chamarse Panteón de España; o de Portugal, hai dúas mulleres, é Panteão Nacional. A Lei galega de 2023 non prevé máis enterramentos en Bonaval. Ten sentido denominalo Panteón de Galegas e Galegos Ilustres?

Comentarios