Rueda perfila o substituto para Sánchez Izquierdo na CRTVG e ten candidato preferido

A nova lexislatura traerá previsibelmente a remuda de Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG). El mesmo tería solicitado o seu relevo ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. O Partido Popular busca un substituto que lle garanta o control dos medios públicos.

Izquierdo
photo_camera Sánchez Izquierdo comparecendo na Cámara galega en marzo de 2023. (Foto: Europa Press).

Tras tres lustros á fronte da compañía e con 75 anos cumpridos, a persoa escollida en 2009 por Alberto Núñez Feixoo para dirixir os medios públicos non está disposta a seguir. Segundo puido coñecer Nós Diario a través do circulo do mandatario galego, o veterano xornalista fixo saber a Alfonso Rueda a súa negativa a continuar á fronte da compañía, algo que non desgustaría ao presidente da Xunta da Galiza ao poder así colocar como máximo responsábel dos medios públicos unha persoa da súa estrita confianza.

O candidato preferido por Rueda para dirixir a CRTVG é o actual director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez. Así o confirman as fontes populares consultadas por este medio, que significan a súa proximidade co presidente do Goberno galego.

Miguel Ángel Rodríguez é o candidato mellor situado; porén, no mundo PP e da CRTVG cítanse tamén outros nomes como posíbeis sucesores de Sánchez Izquierdo. Así, entre estes, destacan o actual director de contidos da compañía, Fernando Ojea, e persoa de máxima confianza de Sánchez Izquierdo, e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira Fariña, antigo decano da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela e actualmente investigado por un caso de acoso laboral a unha compañeira da corporación.

O ex director do ABC e directo de El Debate, Bieito Rubido, outras das persoas que soaron no pasado para relevar Sánchez Izquierdo, semella descartado. Na súa contra, segundo puido saber este medio a través de fontes internas do PP, xoga a oposición do Grupo Voz, onde exerceu como director da súa cabeceira escrita e a súa proximidade a Núñez Feixoo, cuxa relación con Rueda se atopa moi debilitada. Na mesma liña, as fontes do PP consultadas por este medio non lle dan posibilidade algunha de acceder á dirección da CRTVG a outros nomes como José Luis Gómez.

O PP non estaría disposto a ceder o control da CRTVG e traballa para mantelo. Nesta liña gaña forza a posibilidade dunha reforma da Lei de medios da Galiza de 2011, no caso de non sumar o PP en segunda votación no Parlamento os tres quintos necesarios para designar o seu candidato a director xeral da compañía. Neste sentido, o PP non descarta a opción dun acordo co PSdeG para lograr os 45 escanos precisos. As dificultades para pactar coa oposición un director xeral da CRTVG non preocupan no PP.

A este respecto, o propio Sánchez Izquierdo xa abriu en 2022 a porta a un cambio legal, por considerar a norma “obsoleta e superada”, o que posibilitaría aos populares fixar a maioría legal para escoller ao máximos responsábel da CRTVG con maioría absoluta da Cámara, abondando con 38 dos seus 40 escanos.

[Esta información foi editada posteriormente á súa publicación, dado que Miguel Ángel Rodríguez e Adrián Rodríguez, xefe de prensa de Alfonso Rueda, non chegaron a coincidir en Diario de Pontevedra, como se indicaba]

Máis en POLÍTICA
Comentarios