Opinión

Galiza non é pequena

Esta mesma semana, o ministro de transportes do Goberno español, o valisoletano Óscar Puente (curiosa relación entre un apelido e unha infraestrutura viaria da que é responsábel) volve reabrir a opción, casualmente desaparecida no pasado período electoral, consistente en impoñer peaxes nas autovías. Como sempre, hai decisións que aínda que pretensamente sexan de implantación no conxunto do Estado, teñen no caso galego un impacto maior, unha afección máis directa e negativa sobre o pobo traballador e a actividade económica e social que se desenvolve neste país.

Por moitas razóns. Porque a nosa peculiar historia acabou facéndonos dependentes dunha rede básica de transportes e comunicacións (agora dirían "mobilidade") que non foi deseñada para vertebrar Galiza, senón cunha estrutura radial e coa función prioritaria de nos conectar con Madrid, naturalmente, e non entre nós. Tamén porque das tres autoestradas do Estado español con concesión máis longa, dúas (AP-9 e AP-53, Compostela-Dozón) están na Galiza, e cuns prezos nas peaxes que tamén nos fan "líderes" no conxunto estatal. No caso da autoestrada Compostela-Dozón a concesión remata no ano 2074. Para que nos fagamos unha idea, Gayoso ("Luar") terá daquela uns 118 anos, e quero pensar estará xa xubilado, iso si, en caso de os Pactos de Toledo e o Goberno español o permitiren.

Mais tamén porque aquí, nesta vella nación, temos as pensións máis baixas, os salarios por baixo da media, un transporte público case inexistente (non falemos xa do ferrocarril) que nos fai depender do vehículo privado para poder traballar ou uns carburantes (e confeso non saber a razón) bastantes máis caros, aínda tendo unha refinaría na Coruña.

E tamén porque temos unha forma propia, singular, de habitar o territorio. É a nosa. É única no contexto do Estado, e precisa dun modelo tamén específico de conexión. E non, a alternativa non é o Blablacar. A opción de realizar traxectos á marxe das autovías ou autoestradas hoxe existentes é en moitos casos simplemente un desatino. Para quen pense que Galiza é pequena, que se atreva ao itinerario A Guarda-Ribadeo sen tocar autovías nin autoestradas. Caga masilla. Creo que chegan antes de Madrid a Helsinki. 

Finalmente, a triste realidade, o que hai con certeza, é a obediencia cega do Goberno español (este do PSOE e o anterior, do PP) á Unión Europea e ás súas regras fiscais para o gasto público nos estados membros. Eses son os que realmente mandan. Son os autores reais da orixinal idea de cobrar peaxes nas autovías para reducir débeda pública. Reducir gasto militar, non. Facer pagar a traballadoras e traballadores, si. Que Unión Europea tan marabillosa, moderna, democrática, verde e sustentábel. E aínda hai, no PP e no PSOE (e tamén noutros), quen naceu para lle render pleitesía á UE. Así nos vai. 

PD: Desculpade, esquecíaseme sinalar que en realidade a responsabilidade de todo isto é da ETA, afortunadamente inexistente desde hai máis dunha década, mais tamén resucitada cando convén.

Comentarios