Blogue | O Blogue da AELG

'Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes | Congreso Novas Voces da Poesía' por Rosalía Fernández Rial

Afirma Luísa Villalta -no ensaio O outro lado da música, a poesía e en artigos dispoñibles no centro de documentación da AELG- que primeiro foi o son e que este pode articularse logo ben como palabra ben como música. Segundo a escritora violinista, ambas manteñen a súa unidade e a evolución na poesía; un vínculo que, apoiándose en Umberto Eco, é aínda máis forte e significativo nas culturas de resistencia.

A unión entre as artes estaba xa moi presente na Grecia clásica -onde se podía designar co mesmo termo a danza, música e poesía conxuntamente- e chega ao extremo da hibridación nos nosos días. Se ben, hoxe esta prodúcese dun xeito moi particular e complexo e con factores que a condicionan por completo e que a fan única, como son a chegada de internet, das redes sociais, da intelixencia artificial ou as posibilidades tecnolóxicas en xeral.

Na mesa “Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes” atendemos a este contexto para tratar de definir que é ser poeta no século XXI, para comprobar se estabamos dando resposta como poetas aos novos públicos -que se moven en formatos moi diferentes aos libros na súa maioría-, como inflúen as redes sociais e a intelixencia artificial nas obras das poetas contemporáneas ou cal é o papel que xogará a poesía no futuro.

Concordouse en que o molde musical, que esixe unha métrica moi marcada e sinxela, concede moitas veces máis liberdade creativa que o propio verso libre, tal e como sostivo Lucía Aldao no referente aos seus discos ou O Rabelo en canto aos temas que canta en directo.

Tamén coincidiron ambas creadoras con Nuria Vilán en que segundo o contido que queiramos expresar, as poetas hoxe eliximos un ou outro formato ou soporte e empregamos todas as linguaxes ao noso dispor: a musical, a audiovisual, a verbal e mesmo a escultórica, por poñer algúns exemplos.

Asemade, as tres poetas reflexionaron sobre a condición de autónomas e a súa vontade de vivir da poesía, mesmo arriscándose a pasar por situacións precarias nalgúns casos. Todo isto sen esquecer que crear en galego pode situarnos nun escenario particular con respecto a este compoñente económico.

Compartiuse tamén a importancia do uso das redes sociais na difusión das obras aínda que se cuestionou moito o engano que pode supoñer o algoritmo e os intereses dos usuarios maioritarios das redes sociais. Moitas veces benefíciase máis o entretemento ou o divertimento ou mesmo unha creación influencer sen valor estético que propostas poéticas máis profundas e con maior coidado formal ou produtos con maior transcendencia artística. Nese senso, afirmouse que estaba ben cuestionar o canon pero con filtros e coa posibilidade de que nos contemple.

Houbo máis debate e discrepancia en canto á intelixencia artificial e a súa importancia na creación artística, con perspectivas que ían desde que non supoñía unha ameaza, pasando por contemplala como ferramenta que pode ser útil nun futuro ata visións máis pesismistas que amosaban preocupación polo futuro da literatura tal e como a entendiamos ata o momento.

Foi moi significativo nese senso como o acordo veu de novo polo interese que suscita hoxe máis que nunca quen hai detrás da creación, pola figura da artista como persoa. Relativizouse así o textocentrismo aínda vixente nalgunhas correntes filolóxicas máis conservadoras e apostouse pola relevancia da biografía da poeta para comprender e abranguer a súa obra.

Indo máis alá resaltouse a importancia de xerar comunidades e de que esas redes poden ser as que nos salven. Moito máis no contexto dunha lingua e unha cultura minorizadas, onde se percibe aínda máis a necesidade de crear tamén para devolver dalgún xeito o que nos outorgan as demais persoas.

O Congreso de Poesía Nova organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega supuxo, xustamente, un deses lugares de encontro imprescindibles para aprehender o ritmo vertixinoso do presente desde o pensamento fundamentado, a ollada poética e a construción dun coñecemento colectivo; para comprender, desde a reflexión compartida, o complexo contexto actual e o papel que nel xoga a poesía galega.

Rosalía Fernández Rial (Foto: AELG)
Rosalía Fernández Rial (Foto: Xosé Bocixa)

Comentarios