A veda do polbo estenderase durante os meses de maio e xuño

Xunta e sector contemplan unha veda de catro meses para a campaña de 2025-26, dous dos cales se subvencionarían como paro biolóxico

O ‘Mariñeiro 2’, con base en Burela, pescou polbo, nécoras, centolas e santiaguiños durante a campaña do pasado Nadal. (Foto: Carlos castro / Europa Press).
photo_camera O ‘Mariñeiro 2’, con base en Burela, pescou polbo, nécoras, centolas e santiaguiños durante a campaña do pasado Nadal. (Foto: Carlos castro / Europa Press).

A veda do polbo na Galiza terá lugar este ano durante os meses de maio e xuño, período no que estará prohibida a captura desta especie por calquera arte e en augas tanto interiores como exteriores. A decisión foi acordada na última reunión da comisión de seguimento do Plan experimental para a xestión deste cefalópodo, segundo informou a Consellaría do Mar nun comunicado.

Deste xeito, as embarcacións dedicadas á captura deste octópodo con nasas deberán retiralas do seu lugar de calado e levalas a porto a finais de abril. O tempo de veda tamén se aplica á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

Para a reapertura da campaña a finais de xuño, a Xunta da Galiza avanzou que o plan consensuado co sector non reflicte cambios nin nos quilos de captura máxima nin nas especies acompañante permitidas ou nos horarios.

Estas cuestións serán recollidas nunha orde que publicará o Diario Oficial da Galiza (DOG), que tamén achegará medidas orientadas a mellorar o funcionamento de desembarques en varios portos para evitar problemas no día a día.

Frota de Malpica

Así mesmo, a comisión de seguimento abordou no seu último encontro a posibilidade de conceder unha condición específica para a frota con base no porto de Malpica (Bergantiños) polas súas "circunstancias especiais" debido á súa proximidade a un dos límites zonais do plan.

Esta cuestión, segundo sinala a Xunta, "provoca rixideces na xestión da actividade e na práctica diaria da frota, motivo polo cal se revisará esta situación para dotala de maior flexibilidade".

Catro meses de parada en 2025-2026

Ademais, tamén se analizou a posibilidade de estender a veda durante catro meses na campaña 2025-26, dous dos cales se subvencionarían como paro biolóxico.

A Consellaría do Mar sinala que a súa intención é "empezar de inmediato" coa definición do plan para a seguinte campaña "co fin de que se poida pór en marcha e permita á frota ir adecuando a súa actividade anual á parada".

As datas específicas do paro serán fixadas en función da desova da especie e dos alevíns, un traballo que Mar levará a cabo coa Unidade Técnica de Pesca de baixura.

Comentarios