A repentina morte de Miguel Anjo González, quen ocupou cargos de responsabilidade na Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e militante do BNG, aos 54 anos de idade, vén de causar unha fonda tristura na comarca de Ferrol, especialmente no ámbito do nacionalismo.
"Unha persoa boísima e un enorme compañeiro", salientan a Nós Diario as súas compañeiras de militancia. "Sempre estaba disposto a axudar", salientan. "Aínda fixo propostas de ecoloxismo para o programa das eleccións ao Parlamento Europeo", destacan tamén fontes da Executiva Nacional do BNG.
González tiña un pouco danado o corazón mais non semellaba nada grave. Con todo, esta cuarta feira comezou a sentirse mal, polo que tivo que trasladarse ao hospital. Tan só unhas horas despois, xa na quinta feira, Miguel Anjo González faleceu.
Comunicado do BNG de Ferrolterra
O BNG de Ferrolterra enviou unha misiva á militancia da comarca comunicando o pasamento de González a toda a súa militancia. Lamentamos comunicarvos o pasamento do compañeiro Miguel Anjo González García, militante da Asemblea Local do BNG de Ferrol, di o comunicado. O recentemente falecido atópase na sala 3 do tanatorio San Lourenzo, na cidade de Ferrol, onde será incinerado ás 19 horas.