Pedro Sánchez, sobre a súa continuidade á fronte do Goberno español: “Necesito parar e reflexionar”

O presidente español cancela a súa axenda pública tras a investigación á súa esposa

Pedro Sánchez, esta cuarte feira, no Congreso español. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, esta cuarte feira, no Congreso español. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que cancela a súa axenda pública até a segunda feira para "reflexionar" se debe continuar á fronte do Executivo tras as investigacións á súa esposa, Begoña Gómez.

"Necesito parar e reflexionar. Úrxeme responder á pregunta de se merece a pena, pese ao lodo no que a dereita e a ultradereita pretenden converter a política. Se debo continuar á fronte do Goberno ou renunciar a esta alta honra", escribiu nunha carta enviada á cidadanía que publicou na rede social X.

Sánchez asegurou na misiva que, "a pesar da caricatura que a dereita e a ultradereita política" fixeron sobre el, "nunca" tivo "apega ao cargo". "Si o teño ao deber, ao compromiso político e ao servizo público. Eu non paso polos cargos, fago valer a lexitimidade desas altas responsabilidades para transformar e facer avanzar o país que quero", apuntou.

Comparecerá a vindeira segunda feira

Así, desvelou que continuará co seu labor no Goberno español pero cancelará a súa axenda pública "uns días" para "poder reflexionar e decidir que camiño tomar". Ademais, anunciou que a segunda feira 29 de abril comparecerá ante os medios para dar a coñecer a súa decisión.

O xefe do Executivo español cargou contra o PP e Vox, sinalando que "a dereita e ultradereita non aceptaron o resultado electoral" do 23-X. "E agora traspasaron a liña do respecto á vida familiar dun presidente do Goberno e o ataque da súa vida persoal", indicou.

Sánchez acusou o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, e de Vox, Santiago Abascal, de pór en marcha "a máquina do lodo" e de "tratar de deshumanizar e deslexitimar o adversario político a través de denuncias tan escandalosas como falsas".

"Chegados a este punto, a pregunta que lexitimamente fago é: merece a pena todo isto? Sinceramente non o sei. Este ataque é tan grave como basto e necesito parar e reflexionar coa miña esposa", asegurou Sánchez, que tamén recoñeceu "estar profundamente namorado" da súa muller, "que vive con impotencia no lodo que sobre ela esparcen día si e día tamén".

Rescate de Air Europa

O tamén líder do PSOE lembrou que a Oficina de Conflitos de Intereses arquivou a denuncia ao respecto presentada por Feixoo, que pediu de 5 a 10 anos de inhabilitación contra el por non inhibirse na xuntanza do Consello de Ministras e Ministros de 2020 na que se aprobou o rescate de Air Europa.

Un dos medios de dereita e ultradereita aos que Sánchez implicou no acoso sostivo que Gómez pactou en xaneiro de 2020 un convenio entre Air Europa e o Instituto de Empresa, no que traballaba naquela altura, para que a compañía aérea investise 40.000 euros anuais no Instituto. Porén, a pandemia evitou que o convenio se puxera en marcha. Sexa como for, o Goberno asegurou que Gómez non tivo ningunha relación de “dirección, asesoramento ou administración” con Air Europa, polo que non tiña motivos para inhibirse na decisión de prestar 475 millóns de euros á empresa.

Na misiva, Sánchez debulla que despois da decisión da Oficina as persoas funcionarias “foron descualificadas” polos “dirixentes do PP e de Vox”, que impulsaron unha comisión de investigación no Senado, no que os conservadores ostentan a maioría, antes de intentar xudicializar o caso, “o paso que acaban de dar”.

Comentarios