O BNG amosa "respecto e empatía" con Sánchez: "Hoxe é máis difícil que nunca negar que no Estado español existe 'lawfare'"

"Coñecemos ben esta estratexia da dereita", asegurou Néstor Rego, pondo como exemplo a primeira campaña galega de Alberto Núñez Feixoo contra Anxo Quintana en 2009. Contra isto, engadiu, é precisa "firmeza democrática".
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, afirmou esta quinta feira que "o BNG respecta" a decisión do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, de reflexionar sobre a súa continuidade "ante un ataque que vive en primeira persoa e no ámbito familiar".

O BNG, dixo, "expresa ademais a súa empatía desde o punto de vista humano ante esa situación". "Politicamente, denunciamos unha vez máis o 'lawfare' ao servizo das forzas máis reaccionarias do Estado español", continuou Rego. Contra isto, engadiu, é precisa "firmeza democrática".

Neste contexto, o deputado considerou que esta situación confirma a existencia do 'lawfare', unha práctica que, segundo el, "normalmente ten como obxectivo a esquerda soberanista das nacións sen Estado mais que cando é necesario se estende sen rubor".

"É o colmo do cinismo que o sindicato ultra -Manos Limpias- presente unha denuncia -contra a esposa do presidente, Begoña Gómez- asumindo que pode estar baseada en noticias falsas e que a pesar diso un xuíz o admita a trámite", reprochou. "Hoxe é máis difícil que nunca negar que no Estado español existe 'lawfare'", engadiu.

O deputado galego tamén denunciou a "estratexia de crispación da dereita á que todo lle vale sen escrúpulos morais e éticos, especialmente do PP", para destruír aos adversarios políticos. "Coñecemos ben esta estratexia da dereita", asegurou, pondo como exemplo primeira a campaña galega de Alberto Núñez Feixoo, actual líder do Partido Popular a nivel estatal, en 2009.

"Aquel ano produciuse unha das campañas máis sucias que lembramos, que se baseou en mentiras e ataques persoais e inxurias para destruír ao noso candidato e naquel momento vicepresidente da Xunta da Galiza [Anxo Quintana]", lembrou.

"Esta estratexia parece que lle funcionou ao PP e mantívoa invariábel até agora en 2024 sen variar, cunha campaña terribelmente sucia con ataques constantes baseados na mentira e na difamación contra o BNG", afirmou. "Unha campaña que en todo caso non lle serviu ao PP para evitar que o BNG asinase un resultado excepcional nestas últimas eleccións", engadiu.

"O PP está instalado na iniquidade e na ignominia, utilizando sen rubor os mecanismos do aparello do Estado que controla, especialmente no poder xudicial, e tamén utilizando sen rubor a súa capacidade mediática nesa estratexia de crispación e de destrución do adversario político", criticou.

"A folla de ruta do BNG non se vai a desviar nin un milímetro do rumbo que tiñamos trazado e anunciado nin dos compromisos adquiridos coa cidadanía, en primeiro lugar ser muro de contención fronte á dereita e na defensa inequívoca da defensa dos intereses da Galiza", continuou.

"Neste sentido, queremos que o Goberno estatal cumpra integramente os compromisos adquiridos coa cidadanía galega a través do acordo de investidura asinado polo BNG. Por iso, é necesario que o Goberno estatal e a lexislatura poidan continuar, porque iso é o que vai garantir medidas fundamentais para o desenvolvemento social e económico do noso país poidan saír adiante", culminou.

Comentarios