O Concello de Outes descobre a placa que lle dá nome á senda peonil Fernando Pessoa

A iniciativa foi promovida pola comunidade educativa do IES Poeta Añón.
Profesorado, alumnado e autoridades municipais durante a inauguración da placa dedicada a Fernando Pessoa (Foto: Concello de Outes).
photo_camera Profesorado, alumnado e autoridades municipais durante a inauguración da placa dedicada a Fernando Pessoa (Foto: Concello de Outes).

O Concello de Outes (comarca de Noia) descubriu esta semana a placa que lle dá nome á senda peonil Fernando Pessoa, en lembranza do grande poeta portugués, que tiña nas súas raíces ascendencia deste municipio.

"Damos conta así dunha iniciativa promovida pola comunidade educativa do IES Poeta Añón, con quen compartimos este acto", sinalaron desde o Goberno municipal da localidade da ría de Muros e Noia.

Petición do alumnado

O alumnado de 4º da ESO do IES Poeta Añón de Outes solicitara para o seu concello unha vía pública co nome do escritor portugués Fernando Pessoa, "unha das figuras máis destacadas da literatura occidental", segundo lembraba a rapazada.

Esta iniciativa encadrábase no proxecto educativo "De Outes a Lisboa com Fernando Pessoa" promovido polos departamentos de Lingua Galega e Historia, dirixidos polas profesoras Maruxa Caamaño e Susana Álvarez co propósito de investigar a historia local.

Aínda que Fernando Pessoa non nacese nese territorio, a súa relación coa Galiza está documentada, indican. "Sábese que o vínculo de Pessoa cos galegos non é só literario ou lingüístico, senón tamén xenealóxico: un tataravó del, Caetano Dionisio de Lens, era natural de Outes, conforme á investigación realizada por Carlos Quiroga no seu libro Raízes de Pessoa na Galiza, publicada en Através Editora".

A ascendencia de Pessoa serviu de pretexto para o alumnado indagar sobre a emigración galega a Portugal, nomeadamente cara á rexión do Douro e Lisboa, un fenómeno migratorio pouco coñecido mais moi fluído a partir do S. XVIII.

Por tanto, a petición do alumnado tamén serve, agora que foi cumprimentada polo Goberno municipal, de "homenaxe perenne para todas aquelas persoas galegas e outenses que tiveron que partir a Portugal, ben por motivos políticos ou económicos, como foi o caso do poeta Francisco Añón ou como o propio ascendente de Pessoa".

O proxecto, que non só incluíu un obradoiro de lingua portuguesa (Ops!), senón tamén unha visita a Lisboa, foi inspirado no espírito da Lei Paz Andrade; lei que pretende fomentar os vínculos coa Lusofonía mediante o impulso da lingua galega nun contexto internacional, tal e como se recolle tamén no currículo educativo da ESO.

Finalmente, indicaban as responsábeis, esta intervención educativa alíñase coa chamada aprendizaxe por servizo, que persegue que o traballo académico das aulas incida na comunidade local grazas ao compromiso dos estudantes en asuntos que promovan o ben común.

Comentarios