Teresa Crisanta Vázquez Pillado: "Fun pór unha queixa polo trato policial e saín denunciada por un axente"

Teresa Crisanta Vázquez Pillado foi acusada por un axente de policía de "faltar o respecto á autoridade" por reclamar o seu dereito a se expresar e ser atendida en galego. Acudiu á comisaría de Pontevedra para interpor unha denuncia. Precisou cinco horas para rexistrala e non a puido facer en galego.
Teresa Crisanta Vázquez Pillado.
photo_camera Teresa Crisanta Vázquez Pillado.

—O pasado 10 de abril acudiu á comisaría de Pontevedra para presentar unha denuncia. Entrou ás 18 e saíu ás 23 horas e non o puido facer en galego.
Cheguei á comisaría acompañada. O primeiro foi explicarlle, en galego, ao axente que me atendeu, que quería presentar unha denuncia. Inmediatamente xa me cortou para dicirme que non estaba entendendo nada, que el é de Canarias e que me pasase ao español. Como era a única persoa que estaba para recoller denuncias e malia que non o fago case nunca, salvo que estea moi xustificado, pasei ao español no momento, tamén porque entendín que non ía poder acabar pondo a denuncia se non cambiaba de idioma. 

Entón pasamos a unha sala, onde lle aclaro que vou por un caso de agresión, que a persoa xa está previamente denunciada e que ante novos feitos quero denunciar de novo. Nun ton moi desagradábel comeza a insistir en que o que eu vivín non foi agresión. Basicamente non me quería recoller a denuncia e botamos bastante tempo, el tratando de disuadirme ou de xustificar por que o que eu describía non era unha agresión e eu tratando de entender por que non o era. Nun último intento meu por comprendelo o axente respondeume que estaba moi canso, que levaba todo o día traballando e ademais el non tiña por que explicarme nada. Todo isto, en castelán.

Ante esa falta de respecto e de empatía, culminada nesa frase, decido que o mellor é volver outro día e que me colla a denuncia outra persoa. E así llo dixen á miña acompañante, en galego, e a continuación ao axente, en castelán, que viría noutro momento pór a denuncia, cando ademais houbese alguén competente en galego para eu poder exercer os meus dereitos lingüísticos.

—Reaccionou o axente de policía ás súas palabras?
Nese momento saímos da comisaría, sen máis, pero consciente do que acababa de pasar decidín volver para pór unha queixa formal. Entrei de novo e dei conta na entrada do meu interese. Nese momento, o axente que me atendera, que estaba alí, díxome que o acompañase, que sería el quen me denunciaría a min por falta de respecto a un axente. 

—Fixo efectiva esa denuncia?
Si, entramos os dous de novo na sala de denuncias. Eu pedín estar acompañada pero ignorou a miña solicitude. Mentres eu redactaba a miña queixa, el formalizou a súa denuncia.

—Que recolle a súa queixa?
Deixo claro que o motivo principal da miña protesta é o trato do axente, remiso a collerme a denuncia e con mala educación. A cuestión do galego, aínda que a fago constar, non foi a causa orixinal do escrito. Porén, a súa denuncia redúcese todo a un conflito lingüístico. Di que me mostrei molesta desde o primeiro momento, omitindo que mudei de idioma xa no inicio sen facer comentario ningún. Fíxeno despois de dez minutos de conversa en castelán, ao marchar, o que lle deu pé a escribir que o chamei incompetente, o que é falso. Cando aludín a alguén competente en galego fíxeno nun sentido estritamente lingüístico, con coñecemento e destrezas no uso dunha lingua.

—Logrou pór a denuncia por agresión que a levou á comisaría?
Si, volvín ás poucas horas co meu avogado, quen insistiu en pór a denuncia en galego. O mesmo axente indicoulle que non podía ser, porque non o entendía. Entón o letrado solicitou un intérprete e a presenza dun superior. Achegouse outro axente, quen defendeu o dereito a non saber galego do seu compañeiro, esquecendo o meu dereito a falalo. Finalmente, tendo en conta que os meus dereitos lingüísticos non estaban garantidos o meu avogado aceptou facer a denuncia en castelán e deixar constancia.

—Que percorrido cre que poden ter agora a súa queixa máis a denuncia policial?
Probabelmente a miña queixa teña moi pouco percorrido dentro da policía, é ben seguro que terá máis efecto todo o que se está a facer de forma externa, a través da Mesa pola Normalización Lingüística e da miña denuncia pública.

Polo que se refire á denuncia policial, é posíbel que non teña máis percorrido, tampouco, mais sen perder de vista a Lei mordaza. Esta norma recolle que cando un axente considera que un cidadán cometeu un acto sancionábel, como a falta de respecto da que se me acusa, cabe unha denuncia interna. Isto significa que outro policía avaliará o caso e mesmo pode propoñer unha sanción.

Polos dereitos lingüísticos de todas

Na súa queixa polo trato policial, Teresa Crisanta Vázquez Pillado fai constar que foi "xusto cando decido pór unha queixa, e non antes, que o axente di que será el mesmo quen me porá unha denuncia a min por falta de respecto á autoridade". A súa denuncia "é resultado da miña queixa e non o contrario", precisa. 

Foron horas moi intensas, asegura. "Foi moita a información e descoñecía o percorrido. Naquel momento vinme abaixo, pero como persoa que coñece os seus dereitos lingüísticos fago isto, con determinación, non polo que me aconteceu a min senón por todas as persoas que se ven na mesma situación e non teñen recursos, mesmo emocionais, para pór unha queixa e continuar este proceso por todas as vías. Non pode ser que vaimos a comisaría presentar unha denuncia e fiquemos totalmente desamparadas".

Comentarios