A ONU estima en 14 anos a limpeza de bombas sen estoupar e cascallos en Gaza, 37 millóns de toneladas

65% de todos os edificios destruídos eran vivendas

Cascallos en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Cascallos en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)

Os bombardeos indiscriminados de Israel e o intento de invasión de Gaza deixaron aproximadamente 37 millóns de toneladas de cascallos, explicou a sexta feira Pehr Lodhammar, que lidera o Programa de Acción contra as Minas da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Amais, detallou que polo xeral 10% das municións terrestres acaba sen detonar. Conxuntamente, a súa limpeza levaría uns 14 anos de usarse un centenar de camións, sostivo. Lodhammar tamén apuntou que 65% de todos os edificios destruídos eran vivendas residenciais.

Así e todo, non hai indicios de que a agresión militar do réxime de apartheid sionista contra a Faixa estea próxima a rematar, polo que é previsíbel que esas cifras sigan a medrar.

Namentres o Goberno de extrema dereita israelí prepara o asalto a Rafah, a urbe do sur de Gaza onde se concentra a meirande parte dos 2,3 millóns de habitantes do enclave, 75% deles desprazados pola forza, unha delegación da Intelixencia exipcia prevía desprazarse a Israel para intentar reactivar as conversas para un alto o fogo, que o Executivo de Benjamin Netanyahu bloqueou repetidamente.

Amais, medios sionistas sinalaron que Israel rebaixou as súas exixencias de cara a un hipotético pacto, aceptando a liberación de 20 israelís detidos en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro nunha primeira fase e non 40, como demandaba até o de agora, tras a presión dos seus aliados.

No enclave, confirmouse a morte dun bebé que nacera cinco días antes polos esforzos dos servizos médicos e logo de que un ataque israelí matara a súa nai. Como mínimo 34.356 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel desde outubro, máis de 40% nenas e nenos.

En paralelo, a axencia AP ratificou que os Estados Unidos, principal aliado e provedor armamentístico israelí, decidiu frear a súa intención de impor sancións a un batallón do Exército sionista, Netzah Yehuda, a pesar de concluír que cometeu graves violacións de dereitos humanos contra o pobo palestino.

Ao tempo, e perante a posibilidade de que a Corte Penal Internacional, que aínda non actuou contra o réxime de apartheid a pesar das múltiples denuncias presentadas por xenocidio, emitise ordes de arresto contra militares e políticos israelís, Netanyahu insistiu en que non influirá nas súas accións e que “nunca” aceptará a autoridade do Tribunal.

Pola súa parte, Francesca Albanese, relatora da ONU para Palestina, demandou que se implementen sancións coercitivas “inmediatas e incondicionais” contra Israel.

Comentarios