Eleccións catalás

O CIS prognostica unha clara vitoria do PSC nas eleccións catalás

O PSC obtería o primeiro posto en porcentaxe de voto nas eleccións catalás do próximo 12 de maio con entre 29,8% e 33,2% dos votos, seguido por Junts con e entre 15,4% e 18,1% e ERC con entre 15,2% e 17,9%.
Pere Aragonès, Carles Puigdemont e Salvador Illa nos actos de inicio de campaña (Foto: Lorena Sopêna / Glòria Sánchez / Kike Rincón / Europa Press).
photo_camera Pere Aragonès, Carles Puigdemont e Salvador Illa nos actos de inicio de campaña (Foto: Lorena Sopêna / Glòria Sánchez / Kike Rincón / Europa Press).

O PSC obtería o primeiro posto en porcentaxe de voto nas eleccións catalás do próximo 12 de maio con entre 29,8% e 33,2% dos votos, seguido por Junts con e entre 15,4% e 18,1% e ERC con entre 15,2% e 17,9%, segundo estimou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) esta segunda feira.

A continuación, o PP ocuparía o cuarto posto ao conseguir entre 9,6 e 11,9% dos sufraxios, Vox recibiría entre 5,8 e 7,5%, Comuns Sumar entre 5% e 6,7% e a CUP sumaría entre 3,2% e 4,6% dos votos. Finalmente, Aliança Catalana (AC) tería entre 3% e 4,4% dos sufraxios, Alhora ficaría con entre 0,6% e 1,3%, mentres que Ciutadans estaría no último posto con entre 0,5% e 1% dos sufraxios. Ademais, entre 1,2% e 2,1% votaría a outras formacións e entre 1% e 1,9% faríao en branco.

O PSC sobe cinco puntos

Respecto á estimación do CIS do pasado 25 de abril, a porcentaxe de voto do PSC incrementouse case cinco puntos porcentuais respecto ao 26,9%-28,3% que se prognosticaba entón, mentres que Junts mantense (16,3-18,1%) e ERC baixa 1,6 puntos (17,7-19,5%).

O PP tamén sobe respecto á enquisa de hai dúas semanas, subindo un punto porcentual ante o 9,2-10,6% de entón, mentres que Vox mantense (obtivo 6,3-7,5%), da mesmo maneira que Comuns Sumar (5,5-6,4%) e a CUP (3,7-4,6%). Por parte de Aliança Catalana, o partido de Sílvia Orriols ascende un punto porcentual (2,6-3,4%), mentres que Alhora mantense (0,7-1,2%) e Ciutadans baixa máis de dous puntos (2,3-3,1%).

27,3% da cidadanía catalá prefire Illa como presidente do Govern

27,3% da cidadanía catalá prefire o candidato do PSC, Salvador Illa, como futuro presidente da Generalitat de Catalunya tras as eleccións do 12 de maio, cunha distancia de máis de 10 puntos porcentuais respecto ao resto das opcións, segundo estimou o CIS.

Detrás queda o candidato de Junts, Carles Puigdemont, que é a primeira opción de 16,9% dos cataláns e da catalás para liderar o próximo executivo da Generalitat, mentres que o presidente actual e candidato de ERC, Pere Aragonès, é o preferido para 12,8% da poboación.

O resto marca cifras inferiores entre as preferencias dos cidadanía de Catalunya para presidir o Govern, como o popular Alejandro Fernández (6,6%), a candidata de Comuns Sumar, Jéssica Albiach (4,2%), o candidato de Vox, Ignacio Garriga (4,1%), a de Aliança Catalá, Sílvia Orriols (2,6%), ou a candidata da CUP, Laia Estrada (2,1%).

Illa, o único aprobado

Na valoración global do electorado cara ás candidaturas, Illa é o único que aproba, cun 5,42 sobre 10, por encima de Aragonès (4,77), Albiach (4,30), Puigdemont (3,86), a candidata de Alhora, Clara Ponsatí (3,46), e Estrada (3,42). Esas notas son unha media das valoracións feitas nunha escala de 10 puntos desde 'moi ben' a 'moi mal' e, se se toma unicamente a categoría máis negativa, o candidato que maior rexeitamento xera é o de Vox, con 64,2% dos votantes que responden con esa opción, seguido polo de Ciutadans, Carlos Carrizosa, con 47,2% de opinións moi negativas.

Comentarios