As cotas hipotecarias experimentan a súa primeira rebaixa en dous anos

A estimación da Airef sitúa a evolución interanual do PIB galego no primeiro trimestre como a cuarta menor entre autonomías.
A presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Boris Roessler / DPA vía Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Boris Roessler / DPA vía Europa Press).

O Euribor fechou o mes de abril cunha taxa de 3,703%, o que implica a primeira rebaixa na taxa de referencia para a meirande parte das hipotecas variábeis na Galiza no presente exercicio, así como o primeiro respiro das cotas deste tipo de créditos desde decembro do ano 2021. 

Deste modo, a revisión mensual do Euribor abaratará este tipo de créditos ao rexistrar o seu primeiro retroceso en taxa interanual en máis de dous anos. A expectativa dunha baixada dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo (BCE) no mes de xuño impulsou esta caída do índice, a cal se prevé que sexa maior no momento no que se confirme o abaratamento do prezo do diñeiro.

O índice fechou xaneiro en 3,609%, mentres que en febreiro chegou a 3,671% e en marzo a 3,718%. Por tanto, o dato de abril supón a primeira rebaixa do Euribor no que vai de ano. 

Ademais, dado que no mesmo mes do ano pasado a referencia estaba situada en 3,757%, as cotas das hipotecas que sexan agora revisadas verán a súa primeira rebaixa en dous anos.

Aínda que o abaratamento supón un cambio de ciclo simbólico no custo das hipotecas, este será moi leve. Así, a cota mensual dunha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial de 0,99% máis Euribor da que se revise o seu tipo de xuro en abril rexistrará un descenso de 4,78 euros.

Inflación na eurozona

Prevese que o BCE rebaixe os tipos de xuro en xuño, nunha aposta que a institución condiciona ao feito de que a suba de prezos na eurozona permaneza próxima ao obxectivo de 2%. Neste sentido, a taxa de inflación da zona euro situouse en abril en 2,4% interanual, manténdose en liña coa suba de prezos rexistrada no mes de marzo. 

Así mesmo, a economía da área monetaria creceu 0.3% no primeiro trimestre do ano, deixando atrás a recesión despois da contracción de 0,1% nos dous últimos trimestres de 2023, segundo os datos publicados esta terza feira por Eurostat.

Entre os Estados da Unión Europea (UE) con datos dispoñíbeis, Irlanda (+1,1%) rexistrou o maior crecemento económico en comparación co trimestre anterior, seguida de Letonia, Lituania e Hungría (con +0,8% en todos os casos). 

Suecia (-0,1%) foi o único Estado que rexistrou unha caída do produto interior bruto (PIB) en comparación co trimestre anterior. Ademais, entre as principais economías da UE, a do Estado español liderou a expansión, cun aumento do PIB de 0,7% no primeiro trimestre, fronte á taxa de 0,2% de Alemaña e Francia, mentres que Italia creceu 0,3%. Neste contexto, esta terza feira entraron en vigor as novas regras de déficit e débeda da UE, tras catro anos conxeladas pola pandemia de Covid.

Cuarto menor crecemento do PIB entre autonomías

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal de España (Airef) prevé que o produto interior bruto (PIB) da Galiza creza 2,1% no primeiro trimestre de 2024 en termos interanuais, segundo un informe do organismo publicado esta terza feira.

A estimación da Airef sitúa a evolución da Galiza tres décimas porcentuais por baixo da media estatal (2,4%) e como a cuarta menor entre autonomías, só por encima de Asturias (1,4%), Euskadi (1,6%) e a Rexión de Murcia (2%), e coa mesma taxa que Aragón. En termos de variación con respecto ao trimestre anterior, a Galiza situouse á par da media do conxunto do Estado, de 0,7%.

Comentarios