Eurostat, a oficina estatística da UE, vén de publicar o PIB rexional per cápita expresado en termos de estándares de poder adquisitivo de cada un dos 248 territorios que compoñen a UE. A estatística permite comprobar as fendas en riqueza e ingresos existentes entre as rexións da Unión Europea, exemplificadas polos máis extremos: Mayotte, unha rexión de ultramar de Francia; e o sur de Irlanda. Na primeira, o PIB por cabeza dos seus habitantes non chega a 30% da media da UE. Na segunda é 286%, case o triplo.
Sen ter que ir aos extremos, a estatística de Eurostat permite comprobar como é a evolución nestes anos das diferentes rexións europeas en canto á renda per cápita dos seus habitantes. Así, a riqueza per cápita (RPC) na Galiza en 2022 —último dato rexistrado, 27.900 euros— é 79% da media da Unión Europea, 21 puntos de diferenza. En 2011, segundo os cálculos de Eurostat, a Galiza estaba máis perto de converxer coa media da UE, pois a RPC era 82% da da UE. En 2017 chegou a ser de 83% e en 2019 —ano previo á pandemia— de 82%.
Esta fenda dáse tamén a respecto da media de riqueza per cápita española, como tamén constata a Oficina Estatística Europea. Por cada 100 euros de RPC dun habitante da UE, un español ten 86 e un galego 79. Así pois, se a fenda é de 21 puntos coa UE, co Estado español é de 17 puntos.
De feito, a Galiza figura na posición 10 entre os territorios do Estado en canto a PIB por cabeza. A nivel europeo, a Galiza figura no posto 160 entre os 248 territorios. Só 88 teñen peores rexistros ca nós.
Evolución
Os rexistros da Galiza son mellores que os de territorios veciños como o norte de Portugal ou Asturias, mais ambos os dous territorios recortan distancias. Se en 2020 a diferenza entre a riqueza media por cabeza dun galego e un asturiano era de 800 euros a favor do segundo; agora é só de 300. A diferenza entre o norte de Portugal e a Galiza era de 6.000 euros por persoa antes da pandemia, 2019, mais agora é de 5.300.
A Galiza figura lonxe da renda de territorios como Madrid, Euskadi ou Nafarroa, que superan a media da UE, mais tamén está por baixo doutros como Castela e León.
Outra recente publicación de Eurostat advertía de que a Galiza coxeaba en I+D+i, un dos alicerces para o desenvolvemento e competitividade. O investimento en investigación e desenvolvemento (I+D) sobre o Produto Interior Bruto (PIB) situouse na Galiza en 2022, último ano con datos do Eurostat, en 1,1%. Nesa mesma anualidade, o gasto neste ámbito alcanzou no Estado español 1,41% do PIB e marcou de media para o conxunto dos países da UE 2,27% do PIB. A Galiza incrementou o seu gasto en I+D desde 2007 en 11 décimas; o gasto estatal nesta materia medrou seis décimas máis que o galego e o investimento medio da UE 47 décimas máis.