O Camiño de Santiago deixaría de ser Patrimonio da Humanidade de instalarse Altri

O sector turístico nos concellos afectados pola celulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) rexeita a construción desta pasteira. Restauración, albergues e comerciantes de Palas de Rei, Melide e Arzúa cifran entre un 40 e un 60% as perdas que ocasionaría a fábrica para os seus negocios. 
Peregrinos no Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Melide. (Foto: Xosé García)
photo_camera Peregrinos no Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Melide. (Foto: Xosé García)

O Camiño de Santiago é Patrimonio da Humanidade declarado pola Unesco desde 1993. Un dos grandes argumentos para esta declaración é “o valor cultural único a nivel mundial, aquela paisaxe que viron os primeiros peregrinos desde o século IX ao XII. Ese valor da paisaxe e a contorna foi un dos elementos fundamentais no proceso da declaración por parte da Unesco”. Isto podería deixar de ser así se finalmente Altri instala en Palas de Rei (A Ulloa) unha macrocelulosa. Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica e doutor en Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), alerta xunto con outras organizacións vencelladas ao Camiño Francés deste perigo. De feito, non sería a primeira vez que a Unesco descataloga un ben Patrimonio da Humanidade por este motivo. En 2021 saíu do catálogo o Porto de Liverpool, e entre 2007 e 2009 aconteceu o mesmo coa paisaxe cultural do Val do Elba, en Dresde (Alemaña), e co Santuario del Oryx, en Omán.

Rubén Lois explica a Nós Diario que “a Xunta ten moi mal delimitada a protección do Camiño, é un desastre porque delimita entre 10 e 200 metros onde non podes facer nada, pero a partir dos 200 metros pode haber plantacións de eucalipto”. 

Isto provoca, explica o catedrático, que “non se planifique a partir do que os técnicos da paisaxe chaman cuncas visuais, que é o que está vendo o peregrino ao longo do Camiño e que moitas veces son plantacións dunha especie invasora que se está permitindo colocar. Iso, sumado aos polígonos industriais situados enriba do Camiño, como o de Melide ou o de Arca, se agora aparece a cheminea de 75 metros de Altri, pode ser motivo para que a Unesco chame a atención e descatalogue”. 

Hostaleiros, restauradores e comerciantes dos concellos de Palas de Rei (A Ulloa), Melide (Terra de Melide) e Arzúa (na comarca homónima) coinciden neste diagnóstico e amósanse “moi preocupados” polo que consideran que pode ser “un desastre ambiental e económico para a zona”. O turismo nestes concellos do interior está vencellado fundamentalmente ao Camiño de Santiago pero tamén ao turismo rural de cultura, patrimonio e natureza. A Parada das Bestas (Pidre, Palas de Rei) e o restaurante Casa Alongos (Melide), calculan que o dano económico se Altri se instala na zona rondaría entre 40 e 60% do seu negocio, que ademais de xerar riqueza nos concellos da zona tamén crea postos de traballo.

En 2023 os datos oficiais da Xunta da Galiza cifraron en 446.039 os e as peregrinas que chegaron a Compostela, deles 219.786 percorreron o Camiño Francés e pasaron por Palas de Rei, Melide e Arzúa. 

O Camiño Francés, afectado directo, xera 280 millóns de euros ao ano

Este fluxo turístico move ao ano segundo a propia Xunta 280 millóns de euros. Nos últimos tempos duplicáronse os negocios hostaleiros vencellados a este fenómeno e o propio Instituto Nacional de Estatística colocaba en maio de 2022 Palas de Rei entre os tres destinos turísticos con máis nivel de ocupación en todo o Estado, só por detrás de Torremolinos e Barcelona. A Rede de Albergues do Camiño, os hostaleiros a título individual e mesmo a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago definen como “unha auténtica bomba atómica” o que o proxecto de Altri na zona podía supor para este recurso turístico.

Nós Diario púxose en contacto a semana pasada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza a respecto desta preocupación no sector, para coñecer que actuación ía tomar a Administración pública para preservar a declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade, mais aínda onte, ao feche desta edición, non había resposta. 

Mentres tanto, empresariado turístico no Camiño, como Conchi Casares (Casa Alongos, Melide), destaca que “Patrimonio pon aos locais moitísimas exixencias e condicións, e despois deixa instalar sen dicir nada unha macrocelulosa no corazón do Camiño”.

Turismo rural e restauración

A Parada das Bestas está na parroquia de Pidre, en Palas de Rei (A Ulloa), a 7 km de onde Altri quere instalar a macrocelulosa. Esta casa de turismo rural leva aberta desde 1997 e o seu propietario, Suso Santiso, asegura a Nós Diario que “os cartos de Altri non nos fan falla”. Este estabelecemento conta con 18 habitacións e a afluencia de público, peregrinos e turismo ordinario, é masiva e continua os 9 meses ao ano que está aberto ao público. “Temos a mellor catedral do mundo, a da paisaxe e o medio natural, e queren cambiala pola catedral da contaminación de Altri”.

“Chegou o momento de pór en valor as nosas especies, que non nos tomen por parvos por conservar as nosas carballeiras e veñan vendernos o negocio do eucalipto”, recalca Santiso, ao tempo que explica que leva "30 anos vivindo nunha aldea e só vexo casas que fechan e bens vendidos a xente de fóra que planta eucaliptos”

A poucos quilómetros está Melide. En Casa Alongos, Conchi Casares explica a Nós Diario que o proxecto de Altri, “cunha industria pesada, olores e contaminación vai provocar que o Camiño vaia a menos”. Casares destaca que a pasteira “afectaría un ben inmaterial e repercutiría no tecido socioeconómico de Melide, Arzúa, Palas e Portomarín, todos estariamos afectados polos cheiros, ruídos, contaminación…”, e explica que esta afectación non sería só para o Camiño Francés, “tamén afecta o Camiño Primitivo, que queda a 6 km da factoría”. 

Persoas afectadas consideran que a Xunta deu a Greenfiber "licenza para asoballar"

Casares critica que a Xunta da Galiza dera a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) a Greenfiber, a filial galega creada para presentar o Proxecto Gama de construción dunha celulosa en Palas de Rei. É “unha licenza para asoballar, é unha perversión de toda a lexislación, transforman solo rústico en industrial e sen ter en conta toda a afección ambiental, a Xunta di que descoñece o proxecto, é unha sinatura nun papel en branco”.

En Casa Alongos tamén cifran a súa perda no negocio en caso de que Altri se instale na zona “entre 50 e 60% menos, os turistas veñen ao interior da Galiza a respirar, a unha zona tranquila, a facer rutas e desfrutar de zonas verdes”. Conchi Casares ten claro o impacto en contaminación aérea, acústica e da auga na zona. En Casa Alongos o sinal de identidade é a oferta de produtos certificados autóctonos, “o mel, a verdura, o queixo, a carne, os doces... todo o que ofrecemos é de quilómetro cero, pero por culpa de Altri todo pode perder calidade”. 

Pemes que traballan do Camiño

Tamén en Melide José Valiño, propietario de tres tendas “Muxicas” dedicadas á venda de souvenirs a peregrinos, explica a Nós Diario que está “preocupado” polo proxecto de Altri en Palas. Asegura que “vai alterar a dinámica da zona, o Camiño Francés pode deixar de ter o interese que agora ten”. O valor cultural e paisaxístico do tramo entre Palas e Melide “é unha das etapas que os peregrinos valoran máis e se Altri se instala vaise ver completamente tocado”. José Valiño crea emprego co seu negocio en Melide, son cinco persoas e seis no período estival, “fixemos moitos esforzos e despois da pandemia tiñamos importantes perspectivas de crecemento, pero a celulosa bota todo ao traste”. 

"Peregrinos e turistas non van querer ir a unha zona cunha celulosa. Este tramo circula por aldeas emblemáticas ben organizadas e con servizos, e agora vai haber outra cousa, van atoparse con ruídos de camións e tráfico, é unha gran industria, non é unha pequena fábrica”, sinala José Valiño. Só a madeira que Altri precisaría para producir suporía o trafego de 50.000 trailers de eucaliptos entrando na planta de Palas ao ano. A maiores estaría o tráfico propio da actividade da fábrica.

O Instituto de Estudos Ulloáns contra Altri

Esta segunda feira, o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), asociación cultural con ámbito de actuación na comarca da Ulloa, pediu á Deputación de Lugo que compre o predio de Quintas, en Palas de Rei, onde Altri quere situar a fábrica de celulosa, e súmase así ás voces que rexeitan a instalación desta factoría na Ulloa. Entre os motivos que expón o Instituto, sinala que o proxecto de instalación "dunha macrofábrica de pasta de celulosa" no predio de Quintas "ameaza con destruír un dos espazos naturais máis destacados da Galiza interior". 


Altri provocaría estrés hídrico no turismo

Ao turismo en xeral e ao Camiño de Santiago uniríase no caso de que Altri obtivese o beneplácito da Xunta e o Goberno do Estado e a UE para instalarse en Palas de Rei outro problema engadido. A captación de auga que Altri demanda para a súa planta, 46 millóns de litros ao día do encoro de Portodemouros en Agolada (O Deza), suporía xerar na zona un “estrés hídrico” que o catedrático de Análise Xeográfica da USC, Rubén Lois, identifica como outro dos danos que o Proxecto Gama deixaría na zona. Segundo explica, o consumo de auga que demandaría Altri sería “un problema para o turismo rural na zona, sobre todo nos meses de verán”.

Lois explica a Nós Diario que “na Galiza parece que a auga é un recurso infinito” pero o certo é que os picos de consumo que Altri requiriría na zona “serían de risco nos meses estivais”. O funcionamento da fábrica demanda inxentes cantidades de auga todo o ano e a maiores as necesidades de plantacións de eucalipto aumentarían o consumo de auga na zona. Isto, segundo analiza Rubén Lois, “podería provocar problemas de desabastecemento e restricións” de auga que afectarían de modo grave ao sector turístico da zona, que só en Palas de Rei conta con 2.000 camas de aloxamentos. Cando isto suceda, "de que van tirar? De reservas freáticas de augas subterráneas coa merma na calidade e espolio dos recursos hídricos galegos que iso supón?", pregúntase o catedrático da USC. 

Na zona critican ademais que actualmente para visitar o patrimonio local, “moitas veces hai que ir buscar chaves de igrexas aos bares próximos. Se a Xunta quixese crear emprego e fixar poboación só tería que pór en valor o patrimonio da zona e fixar poboación arredor destes bens que xa temos”, din hostaleiros. 

Comentarios