O 'Pozo do Demo' volverá xuntar en Verín o mellor do descenso estatal

A acción estenderase até o domingo 28 de abril.
O desnivel negativo total será de 350 metros. (Foto: RFEC).
photo_camera O desnivel negativo total será de 350 metros. (Foto: RFEC).

A Copa de España de Descenso regresa á actualidade do ciclismo galego coa disputa este próximo domingo, 28 de abril, na localidade de Verín, da terceira proba puntuábel para o seu calendario 2024, o DHI Pozo do Demo, organizado por Bicicletas Chinquena Racing Team e que contará con preto de 200 participantes da categoría C2 UCI internacional.

Verín, situado no Val de Monterrey, que forma o río Támega, está rodeada de montañas con inmensos piñeirais, carballeiras e castiñeiros entre os que se levará a cabo este DHI Pozo do Demo, que proporá en 2024 un descenso de 1,7 quilómetros de distancia con máis de 350 metros de desnivel negativo, todo un reto para os e as mellores 'baixadoras' do Estado.

A esta terceira proba da Copa de España de Descenso chegan como líderes da xeral Iago Garay -xa totalmente recuperado do aneurisma cerebral que sufriu un plenas UCI MTB World Series en xuño de 2023-, con 306 puntos, e Ella Conolly, que acumula 480 puntos. 

Non obstante, ningunha das dúas estará presente na cita galega, polo que verán aproximarse -ou mesmo superarlles- aos e ás súas perseguidoras.

Como principais favoritos ao triunfo postúlanse entre os homes Daniel Casteláns -que no seu primeiro ano como Sub-23 logrou a vitoria en Otívar-, Orion Kirchmayer, Yelco Romero, Juan Guillamón, Jon Pardo, Iraitz Etxeberría ou Antonio Royo. No que respecta ás mulleres, cabe destacar a presenza na grella de saída de Sara Yusto, as irmás Zamora, Inés Chinchilla e as júniors Natalia Menéndez, Candela Ruiz e María Pomés.

Deste modo, a acción arrancará esta sexta feira coas revisións a pé do circuíto, ficando para o sábado os adestramentos oficiais -cunha quenda matinal e outra vespertina-, mentres que a carreira como tal será o domingo.

Comentarios