O mellor baloncesto de base estatal rétase en Betanzos

Acolle o Campionato de España de categoría infantil.
O Fútbol Club Barcelona é o vixente campión do certame (Foto: FEB).
photo_camera O Fútbol Club Barcelona é o vixente campión do certame (Foto: FEB).

O futuro do baloncesto desprazarase até a Galiza o próximo mes de xuño co gallo da nova edición do Campionato de España da categoría infantil na súa modalidade masculina, un certame que terá Betanzos como sede principal e Miño e Abegondo como as secundarias.

Serán un total de 32 equipos -entre eles, os das máis senlleiras canteiras do básquet estatal-, 384 xogadores -nados todos entre os anos 2010 e 2011- e 192 técnicos os que midan forzas nos 64 partidos que conformarán unha competición distribuída en 64 partidos dirixidos por 100 árbitros e auxiliares ao longo de sete días, do 2 ao 8 de xuño.

Organizado pola Federación Española de Baloncesto (FEB), o Club Santo Domingo e o Concello de Betanzos, este último organismo destaca a condición deste evento como "o máis importante da súa franxa de idade", poñendo en valor, asemade, a "oportunidade" de negocio que representará, dado o seu impacto económico estimado, "para o comercio e a hostalaría da bisbarra", xa que se prevé que, xunto con todos os xogadores e os membros dos distintos corpos técnicos das escuadras participantes, viaxe un nutrido destacamento de familias e acompañantes.

Con respecto ao eido estritamente deportivo, xunto cos vencedores dos distintos campionatos territoriais asistirán tamén os subcampións dos oito que contan cun maior número de licenzas -entre eles os da Galiza, que sumará un terceiro participante dada a súa condición de organizadora- e os catro equipos seguintes nas clasificacións dos territorios dos catro primeiros clasificados a pasada tempada 2022/23, é dicir, Fútbol Club Barcelona e Joventut de Badalona (Catalunya) e Real Madrid e Baloncesto Fuenlabrada (Madrid).

Os Harlem Globetrotters chegan a Compostela

Os lendarios Harlem Globetrotters regresan á Galiza, pois Santiago de Compostela e Vigo serán dúas das 11 paradas da xira que están a piques de iniciar pola Península Ibérica.

Deste modo, os e as afeccionadas ao deporte da canastra do país terán a oportunidade de asistir ao espectáculo en vivo do lendario conxunto de exhibición norteamericano -que en 2026 celebrará o seu centenario- o 11 de maio na capital galega e o día seguinte na cidade olívica.

Comentarios