O 'Derbi da Ría' máis esixente: todo sobre a Copa da Galiza de fútbol sala

Marín Futsal e Poio Pescamar pugnan polo título de raíña do país.
As capitás de ambas as escuadras contendentes, Jéssica Motato, 'Café' (Marín), e Irene García (Poio), posando co trofeo.
photo_camera As capitás de ambas as escuadras contendentes, Jéssica Motato, 'Café' (Marín), e Irene García (Poio), posando co trofeo.

A comarca de Pontevedra torna no epicentro do fútbol sala do país, pois non só a finalísima da Copa Galiza terá lugar no Pavillón Príncipe Felipe da Cidade do Lérez (quinta feira, 12 horas), senón que pugnarán por facerse co trofeo dúas escuadras da comarca, Marín Futsal e Poio Pescamar, que protagonizarán unha nova edición do coñecido como 'Derbi da Ría', que será retransmitida pola TVG2.

O choque ten ademais a peculiar característica de que non estea implicado o Pescados Rubén Burela. O vixente campión e gran dominador non só do deporte do 40x20 na Galiza, senón de todo o Estado e mesmo Europa, non terá ocasión de defender o título que conquistou o pasado ano 2023 após superar, precisamente, o Marín Futsal, a quen derrotou por contundente 5-1.

A ausencia das estrelas laranxas débese á fazaña lograda polo Poio Pescamar nas semifinais. Nun choque disputado o pasado mes de febreiro no Pavillón Municipal de Ribadeo -sede alternativa a un Vista Alegre fechado por aquel entón a causa dunhas obras de reforma-, as poienses sorprenderon levantando un 2-0 en contra para chegar a adiantarse no mercador (2-3), mais Antía Pérez estabeleceu a última hora o empate a tres tantos co que se chegou ao final do tempo regulamentario. Logo, na lotaría dos penaltis, o Poio Pescamar foi mellor e impúxose por 1-3.

Pola súa parte, Marín Futsal logrou o seu boleto para enfrontarse co seu veciño tras golear o FSF O Castro Bloques Cando,      que non tivo opción algunha nun partido no que venceu 0-3, tantos materializados por Carolina Bravo (2) e Débora.

Con todo, o teórico favoritismo recae sobre o Poio, pois na clasificación da Primeira División de Fútbol Sala, a máxima categoría estatal, na que militan ambos os conxuntos, a formación marinense está sumida nos postos de descenso, mentres que a conserveira é quinta, empatada a puntos co Arriva Alcorcón, cuarto.

Ademais, no último precedente ligueiro, o 16 de decembro de 2023, o Pescamar impúxose por un contundente 0-5 na pista do Marín. Non obstante, e sen ánimo de caer no tópico, a partido único todo pode suceder, e máis tendo en conta que o 'factor campo' favorece aos dous equipos.  

Ferrol quere a finalísima masculina

O Parrulo Ferrol solicitou á Real Federación Galega de Fútbol que a sede da Final da Copa Galiza masculina sexan o Pavillón da Malata. O choque, previsto para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, enfrontará o antedito conxunto departamental co único representante do país na máxima categoría do fútbol sala estatal, Noia Portus Apostoli.

A escuadra ferrolá alega que o Pavillón da Malata é "unha das instalacións con maior capacidade de toda a Galiza", e tamén unha das que teñen "mellores conexións e accesibilidade, ao estar a carón dunha das saídas da AP-9 e contar cun amplo aparcamento". 

Paralelamente, O Parrulo pon en valor a súa "experiencia" na organización deste tipo de eventos, pois Ferrol  acollerá ese mesmo 17 de maio o partido decisivo da Liga Galega nas categorías benxamín e xuvenil, lembrando ademais outras grandes citas que albergou no pasado, como a finalísima da Copa Galiza do ano 2018 -daquela en formato a catro, e non de partido único, como acontece na actualidade- ou fases finais dos Campionatos de España de base.

Comentarios