ENTREVISTA

Daniela Suárez, nadadora: "A 'sincro' axuda á memoria e tamén a facer amizades"

Ten apenas 15 anos, pero Daniela Suárez (Pontevedra, 2008) xa está dando sólidos pasos para deixar de ser considerada como unha promesa da natación sincronizada, senón como toda unha realidade dun deporte no que as representantes da Galiza non están afeitas a saborear os meles do éxito.
A pontevedresa, posando sorrinte coa súa histórica medalla. (Foto: Club Galaico Sincro).
photo_camera A pontevedresa, posando sorrinte coa súa histórica medalla. (Foto: Club Galaico Sincro).

—Nótase na súa voz a alegría polo triunfo, pero a miña cuestión é, agardaba facer historia no recente Campionato de España de Natación Artística Júnior e Sénior de Inverno, tornando na primeira deportista galega na historia en subir a un podio cunha rutina individual, ou foi unha sorpresa para vostede?
Non, non, para nada (ri).Pouco antes tivemos outro campionato en Madrid onde quedara sexta, así que realmente non contaba en absoluto co resultado, a verdade. Partía sen presión ningunha, sabendo que como aínda estou no meu primeiro ano nesta categoría teño todo por gañar e nada que perder.

—Quizais agora que comezan a chegar os resultados de tantos esforzos é un bo momento para botar a vista atrás. Que a levou  a interesarse por este deporte, e que lle diría aos nenos e nenas que nos poidan ler para que se interesen por el?
A razón principal e máis importante é que a miña nai é adestradora, foi ela quen me dixo de probalo, e gustoume desde o principio.

Logo, con respecto á túa segunda cuestión, diríalles que este é un deporte de equipo moi bonito que acabará por axudarlles no seu día a día en moitísimas cousas, sobre todo no fomento da capacidade de memorización e tamén para facer amizades. Porque, ao final, aprendes tantas coreografías que a túa cabeza está seguido traballando, e diría que axuda a controlar os niveis de estrés e a mellorar o traballo en equipo, ensinándoche como traballar xunto coas túas compañeiras.

—Ademais, no seu caso concreto tamén lle permitiu coñecer mundo, pois a pesar da súa xuventude xa é toda unha deportista internacional, viaxando para participar en competicións de alto nivel como o Mundial dos Estados Unidos ou o Europeo de Francia. Con cal se quedaría de todos os logros que conseguiu até o de agora?
Si, eses logros conseguinos eu, pero foi todo grazas ás miñas adestradoras, ao Club Galaico Sincro [con sede en Pontemuíños, Pontevedra], que traballa con nós desde pequenas, ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e a Sandra [Montes], a miña preparadora. Sen todas esas persoas nunca podería ter chegado a conseguir os obxectivos que alcancei. 

—Despois deste gran éxito, cales son as súas próximas metas?
Temos por diante o Campionato de España de Verán e tamén hai un Campionato de Europa en Malta e un do Mundo en Lima (Perú) que aínda teñen que realizar as súas convocatorias cos criterios de selección para ver quen pode participar, faríame moita ilusión estar nos dous.

—Dentro do seu deporte hai unha serie de múltiples especialidades que moitas veces resultan complexas de comprender para o gran público. Cales son as súas diferencias principais e cal é a súa favorita?
Hai varias categorías de base, como a alevín, a infantil e a júnior. Na infantil e onde se fan as figuras, que son individuais, e tes que facer posicións básicas; e tamén tes rutinas, dúas de equipo e outras dúas en solitario. E logo na categoría júnior xa non hai figuras e chega a quenda das rutinas técnicas e as libres. As primeiras son unha serie de elementos que todo o mundo ten que facer, máis un elemento a maiores inventado polas deportistas.

A min, persoalmente, encántanme as rutinas por equipo, porque sinto o apoio das miñas compañeiras, e cando logo chegan os logros, pois, canta máis xente os consigamos, moito mellor, a verdade. 

Unha prometedora carreira que vai a máis

Non se esaxera cando se escribe de Daniela Suárez que cada ano que pasa fai historia. Os méritos da deportista do Club Galaico Sincro de Pontevedra non se limitan a ser a primeira júnior galega en lograr coarse nun podio individual do Campionato de España -fazaña que conseguiu grazas os seus 416,9437 puntos, só por detrás de Rocío Calle (Sincro Retiro, 424,6196) e Isabel Shuang (CN Mataró, 424,9755)-, senón que ten detrás unha traxectoria inzada de éxitos que a levou a ser profeta na súa terra.

Porque o pasado mes de novembro de 2023 a Federación Española de Natación entregoulle a Medalla ao Mérito Deportivo como parte da selección estatal que gañou o bronce na modalidade de combinado libre mixto no Mundial infantil disputado en Atenas, recoñecemento que seguiu a unha recepción-homenaxe por parte do alcalde de Pontevedra, Fernández Lores.

Comentarios