O CRAT da Coruña busca en Madrid levantar a Copa Federación

Colide na final co Maxadahonda.
O partido das guerreiras herculinas será ás 12.30 horas de mañá. (Foto: CRAT A Coruña/Alberto Segade).
photo_camera O partido das guerreiras herculinas será ás 12.30 horas de mañá. (Foto: CRAT A Coruña/Alberto Segade).

O Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña podería engadir este domingo, 21 de abril, un novo título ao seu palmarés. Trátase da Copa Real Federación Española de Rugby, competición máis coñecida como Copa RFEF, que se decidirá ás 12.30 horas no campo das Terrazas, na localidade madrileña de Alcobendas.

Na finalísima, que poderá seguirse de balde tanto nas propias bancadas do estadio como na canle de Youtube da Federación Española de Rugby, a escuadra herculina colidirá co Silicius Maxadahonda, que tamén opta a facerse con este torneo de recente creación no que participaron os 16 equipos que integran tanto a máxima categoría de rugby estatal como a División de Honra 'B' Feminina de rugby XV.

Até o momento, a traxectoria do CRAT foi inmaculada, pois certificou un pleno de vitorias na fase de grupos, superando Getxo (43-19), PRB Flor de Escocia UBU (7-39) e Eibar RT (15-0), xeira triunfal á que deu continuidade nas semifinais esmagando o Ghenova Cocos por 72 a 0.

Non obstante, tampouco coñecen polo momento a derrota as mulleres de Maxadahonda, que venceron a Salvador (12-29), Olímpico de Pozuelo (49-7) e BUC (0-68) na rolda preliminar e, despois, conseguiron impoñerse a Sant Cugat (32-13) no último chanzo antes da final.

Sobre o que acontecerá no verde resulta moi complicado realizar unha predición, pois a igualdade entre estes dous conxuntos foi máxima ao longo da presente campaña, copando os dous primeiros postos na táboa ligueira e levándose cada un o duelo directo que disputaron no seu domicilio, a ida (33-29) para unhas madrileñas que son as vixentes campioas da Liga, a Supercopa e a Copa Ibérica e a volta para as galegas (19-7).

Baixa o pano das Ligas Galegas 2023/24

O sábado, un día antes do decisivo partido do CRAT en Alcobendas, os e as amantes do rugby terán máis acción ao seu dispor, pois baixa o pano das Ligas Galegas. Con sede no Manuel Anxo Cortizo de Lalín, este día de intensa actividade competitiva comezará ás 11 horas coas finais das categorías de base, ficando para as 15 a da Segunda División Masculina (Fendetestas-Lalín). Despois, ás 16.40, CRAT e Pontevedra pelexarán polo título feminino, cerrando o día ás 18.20 Ourense e Vigo polo máximo premio masculino.

Comentarios