ENTREVISTA

Mariana Romero, xogadora do CRAT: "O nivel do rugby feminino galego aínda é inestábel"

A venezolana Mariana Romero (A Guaira, 1995) é unha das pezas chave do CRAT da Coruña, o único conxunto galego na elite do rugby estatal. Xa totalmente recuperada dunha gravísima lesión que requiriu numerosas cirurxías, lidera dentro e fora do campo un grupo que opta a levantar a Liga cinco anos despois.
A ala pivote (á dereita), en acción nun choque ligueiro en Elviña. (Foto: CRAT A Coruña).
photo_camera A ala pivote (á dereita), en acción nun choque ligueiro en Elviña. (Foto: CRAT A Coruña).

—A máis de cinco anos vista da súa fichaxe en 2018 polo Club de Rugby Arquitectura Técnica da Coruña (CRAT), sinto a curiosidade de saber que a motivou para deixar todo atrás na súa Venezuela natal e aceptar a proposta do equipo galego?
Foron varios factores. Por un lado, a situación tan mala que había no meu país nese momento, e por outra, a posibilidade de vir a xogar rugby a alto nivel.

—Venezuela é unha nación deportivamente singular no ámbito latino, onde nin sequera o fútbol é o deporte rei, senón que o é o béisbol. E que dicir do rugby... que a levou a introducirse nese deporte tan minoritario no seu país?
Moito máis minoritario incluso que aquí (ri). Foi unha historia bastante estraña, porque a selección de rugby de Venezuela estaba preparando os Xogos Olímpicos de 2016, nos que tiñamos unha oportunidade única de entrar porque se levaban a cabo no Brasil. Entón, o preparador e a adestradora da selección comezaron a buscar mozas para o equipo e dixéronnos a algunhas que practicabamos atletismo que fósemos probar, e así coñecín o rugby. Pouco a pouco engancheime e, como di a miña adestradora, "roubáronme do atletismo". 

—Entón, apenas dous anos despois do seu primeiro contacto co deporte, sendo xa unha muller de 18 anos, chega á Coruña e gaña a Liga de 2019, na que foi moi importante. Que lembranzas garda daquel logro?
A alegría de levantar a copa; iso é algo impresionante, sabes? Encantaríame volver a vivila. Pero máis que da final, gardo recordos das semifinais, porque vencemos por un só punto e a un [Complutense] Cisneros que por aquel entón tiña un equipazo.

—Lamentabelmente, non moito máis tarde, en 2020, viviu un momento moito máis amargo cunha lesión en decembro que a deixou fóra de xogo durante dous anos. Como tivo lugar? Porque non foi nun lance do xogo, senón no quecemento.
Non o sei nin eu. Nin o por que, nin o como, nin nada. Sei que viñamos de pasar [a etapa do confinamento] a Covid-19, e a iso é ao que a atribúo, á inactividade, porque estivemos moito tempo paradas sen rugby. Lembro que faltaban só uns minutos para entrar e nun xesto que me caracteriza, un movemento cos pés, quedei cravada e rompín o xeonllo.

—Foi o inicio dun calvario que incluíu tres cirurxías...
Si, pero tomeino con filosofía. É unha lesión longa e dura, que non lle desexo a ninguén, e que esixe que esteas forte de cabeza. 
A verdade é que paseino un pouquiño mal, pero refuxeime no meu equipo, coas miñas compañeiras. Sabía que tiña que volver mellor, por elas, así que nunca cheguei a afastarme, seguía indo aos adestramentos, aos partidos, sempre coas miñas muletas.

—Vostede compatibiliza o seu labor de xogadora cun traballo nas escolas do CRAT e na selección galega. Cal é o nivel na Galiza?
Si, creo que non hai ningunha muller que agora mesmo poida vivir do rugby soamente, así que durante todo o ano tamén coordino as escolas de rugby do CRAT A Coruña.

E logo tamén adestro a selección galega Sub-16 e Sub-18 e o nivel é... inestábel, porque é bastante complicado conseguir rapazas aquí, e máis con esas idades, que son moi complexas. Ao final, a realidade é que estamos por debaixo doutros territorios, pero levamos dous anos, eu xunto con Vanesa Rial, tratando de configurar unha boa estrutura, unha boa base, para que esas nenas poidan chegar a ser séniors.

O soño de volver gañar a Liga co CRAT

Após regresar á acción en 2023, unha vez deixado atrás un período de inactividade a causa da grave lesión que padeceu no xeonllo en decembro de 2020, a xogadora venezolana recuperou a súa condición de peza chave no CRAT da Coruña, quen na presente tempada 2023/24 dá a sensación de que estará pelexando polo título ligueiro cinco anos despois.

"Estou moi feliz, por min e polo grupo, e todas facemos todo o posíbel por volver gañar a Liga", explica Mariana Romero. Cuestionada por se, dada a súa condición de veterana a pesar da súa xuventude, se considera a líder do equipo, recoñece que "tanto Alba [Lalín]" como ela adoptaron ese rol. "Estamos intentando facer un bo traballo, e evidentemente sempre haberá cousas que non gusten, pero resolvemos as situacións que xorden, e iso é o importante", conclúe a tres cuartos da Guaira.

Comentarios