21/mar./24
Actualizado: 21/mar./24
Etiqueta
Con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebra cada 21 de marzo, Adega trasladou ao Comité das Árbores Senlleiras 12 propostas de nova inclusión para a protección doutras tantes árbores e formacións senlleiras do país. Trátase de "exemplares superlativos" que na maioría dos casos unen as súas "excepcionais características dendrométricas ou rareza" cun "destacado valor etnográfico e patrimonial". "Son monumentos vivos que cómpre coidar e preservar polo seu valor intrínseco, mais tamén como patrimonio para as xeracións vindeiras", salienta a asociación ecoloxista.
A proposta está integrada por un ameneiro (río Loira, Marín), unha araucaria (Pazo de Lourizán, Pontevedra), un bidueiro (lago Castiñeiras, Marín), a Carballeira de Brandeso (Arzúa), un carballo e un cerquiño (Cerracín, Friol e Santigoso, A Mezquita), tres castiñeiros (souto do Mola, A Mezquita, Pexeiros 1 e 2, Os Blancos), un eucalipto robusto (O Campo, Marín) e varios teixos (Vilarbacú, Quiroga e Noceda, Folgoso do Courel).
"Todos estes exemplares son verdadeiramente excepcionais", afirma Adega, que explica que destacan por aspectos como a súa idade —os máis de 500 anos do Castiñeiro do Mola—, o seu porte —caso do eucalipto robusto (Eucalyptus robusta Sm.) do Campo en Marín, ou o bidueiro do lago de Castiñeiras, tamén en Marín— ou tamén o teixo de Vilarbacú, o de maior circunferencia da Galiza.