Opinión

Mariana, vestida de amarelo

Toda ela vestida de cromatismo amarelo, desde os seus enormes santuarios, que coroan cumes e paraños. Así resplandece esa Mariana festiva e movementada en cada unha desas igrexas barrocas onde deixaron a pegada o escultor Aleijadinho e o pintor de cúpulas e teitos, Antonio da Costa Athayde, dous nomes para unha ampla referencia universal da arte de Minas Gerais.

Mariana, a antiga Vila do Carmo, non lonxe de Ouro Preto, foi connotada polas ambicións e avaricias dos que procuraban ouro e erixiron en seus montes altivos templos, tan solemnizados e evocados por ambiciosos freires mendicantes, alentando aos que perforaron e cicatrizaron esas montañas en súa obstinación de intentar ser máis que deuses. Parece que aquelas primeiras dádivas auríferas foron dedicadas a erguer maxestosos santuarios. Aínda continúan parados no tempo, sen chegar a gratificar aos deuses de pao e pintura, eses ídolos inventados para gratificar adormecemento aos humildes de solemnidade.

Chegar a Mariana e admirar todos eses templos barrocos, acae como un agasallo sorprendente e dadivoso, co que se contentan as nosas agraciadas retinas que transmiten emoción aos que se deixan seducir por ese fervoroso panteísmo. As igrexas de San Francisco e de Nosa Señora do Carmo, dúas almas xemelas que manteñen no seu interior unha das partes mais auténticas e admiradas da obra de Aleijadinho e de Athayde. Dúas igrexas con unha torre a cada lado do pórtico, como anunciado de ser protectoras do sagrado. Exhibindo ese amarelo fantasmal introducido na luminosidade do  branco, como unha das expresión mais vivas que o viaxeiro agradece ao pescudar nos extremos íntimos desta entorna.

Normalmente en cada unha destas igrexas hai un pequeno museo feito á medida das almas puras que manteñen a fe por enriba de oprobios e miserias. Máis eses resplandores artísticos que  elévanse na catedral de Mariana,  comezou a construírse en 1709, con unha fachada de harmoniosas liñas, que non aparenta a riqueza artística que se garda no seu interior. Como son os suculentos retablos barrocos que acollen a persoeiros do santoral romano. Mentres un admira tanta beleza artística, chega un arrebato de sorpresas nos acordes dun magnífico órgano alemán, construído en 1701 polo mestre hamburgués, Arp Schnitger e instalado na catedral de Mariana en 1751. Dous días á semana a música barroca sonoriza esas altivas bóvedas e cara a cúpula presbiteral. Composicións de Johann Sebastián Bach, e de compositores brasileiros do barroco complementan o sentido óptico co auditivo dos que nos deixamos elevar nos milagres que produce a música. Pódese dicir que Mariana é única cando tanta solemnidade nos atrapa e nos modifica. Mais a catedral ofrécenos un belo museo de arte onde o Aleijadinho ten un atractivo especial.

Ao lado mesmo da catedral está o Museo de Alphonsus de Guimaraens (1870-1921), ese poeta místico que tanto innovou a poesía brasileira e foi un dos poetas mineiros que mais contribuíu á identidade de Minas Gerais desde o lado lírico. Despois de observar ese pormenorizado labirinto de salas e de prendas do poeta, o Andityas e máis eu decidimos ir ao mausoleo de Alphonsus de Guimaraens, naquel encantador cemiterio onde se divisa a planicie de Mariana e súas congostras, o epitafio que o poeta escolleu son dous emotivos versos que simplifican o seu compromiso de fe cristiá: “A minha alma é uma cruz / enterrada no céu”.

Mariana é unha cidade tan gálana e leal ao viaxeiro que, como dun arrebato se tratara, ofrece a súa nudez e lealdade a quen a percorre e pescuda seus latexos oníricos, como ofrenda. A beleza máis solemne de Mariana quizais sexa estar parada no tempo daqueles que procuraban ouro naquel regato, lento e amagado baixo tépedas e exóticas plantas florecidas. Aqueles outros de rezo florido nos beizos e con maos cor de canela, silenciaron en seus hábitos de longas e ocultas faldriqueiras destinadas a acubillar a maior rapina beatificada, todo pola causa de Deus e por súas elásticas barriguiñas. Así é como Mariana aínda testemuña e respira toda aquela historia de perversas xentes apaixonadas pola riqueza aurífera. Mais agora sen elas fica coroada de espléndidos silencios.            

Comentarios