Opinión

Cinismo político, inmoralidade pública

Asistimos a unha regresión histórica. A xustificación da guerra xusta, o bellum iustum

Concepto que retornou co atentado das torres xemelgas de Nova York. A guerra unilateral das forzas do ben contra os "ases do mal", guerra humanitaria como denunciou Danilo Zolo. Unha "guerra santa " onde Israel representa occidente contra oriente, a Biblia contra a Torá, xihadismo fronte ás democracias liberais occidentais. A soberbia sionista representada por un sistema defensivo infranqueábel. Un muro fronte aos inimigos, sistema roto por Hamás. Ao demostrar a súa vulnerabilidade provocou nos sionistas vinganza, unha guerra unilateral na que Israel, co seu ataque a Irán e a destrución dos drones sen practicamente vítimas, triunfa ao tempo que recupera o narcisismo sionista de Netanyahu diante dos israelitas que se consideraban inmunes aos ataques até entón. 
Fronte á opresiva colonización e permanente espolio de Israel sobre os palestinos sen dereito á defensa nin á resistencia, co apoio da UE e dos EUA, como seguir aceptando que Israel é a vítima? Puro cinismo político.

As actuacións políticas hipócritas sobre a cidadanía teñen grandes consecuencias: a perda de confianza nas democracias, incredulidade nas súas regras de xogo e nas institucións nacionais e internacionais. Como o chamado occidente, EUA e UE, pode dar leccións ao resto do mundo? A perda de autoridade moral e política evidénciase nos seus apoios á guerra de Ucraína, apoio incondicional fronte a Putin e cegueira ante o xenocidio en Gaza, coa práctica pasividade e consentimento ao exterminio palestino dende occidente. Este é o comportamento a escala internacional. 

A nivel local comprobamos o cinismo do PP condenado no caso Gürtel, como partido corrupto, dando leccións de moralidade pública. Falando do control dos medios polo Goberno do Estado, cando a CRTVG se converteu na voceira do PP coa oposición de boa parte dos traballadores e traballadoras. Máis de 300 'Venres Negros', mais de 70 meses contra a manipulación política. O control mediante subvencións aos xornais, excepto a Nós. Menten na política industrial, favorecen industrias de enclave destrutoras da riqueza natural do país e venden as súas "bondades". Practican a demagoxia.

Comentarios