Opinión

Aferrado ao caos

A filósofa e politóloga xudía Hannah Arendt reflexionaba co remate da Shoah e a Guerra Mundial: "A morte da empatía humana é un dos primeiros e máis reveladores signos dunha cultura a piques de caer na barbarie". Hoxe asalta por todas partes cando ollamos o contexto internacional. Coa contida e limitada acción de represalia da República Islámica do Irán ao ataque previo á súa embaixada en Damasco semanas atrás, onde foron eliminados polas forzas israelís mandos militares e corpo diplomático –un casus belli– volta evidenciarse unha dobre vara de medir que inunda as declaracións e praxe dos estados occidentais. 

Logo de meses dun desmesurado e indiscriminado xenocidio infanticida, da destrución de hospitais, escolas, universidades e demais patrimonio e infraestrutura civil, de violacións sistemáticas de toda convención, norma humanitaria ou resolución da ONU, do asasinato de centos de cooperantes e xornalistas e do uso da fame como arma de castigo colectivo descubrimos, por boca de Macron, que unha bátega de drones e mísiles desde territorio persa sobre territorio hebreo –con resultado de cero vítimas– constitúe "un ataque desproporcionado", negando así o dereito á autodefensa que afirman para Ucraína e asistiría ao goberno que xa ciscou sobre Gaza o equivalente en explosivos a tres bombas atómicas como a de agosto de 1945 en Hiroshima. Soa a regras esgotándose.
Israel –descontrolado roge state con até sete frontes abertas– ataca Líbano, Siria, Iraq e Iemen e executa unha sistematizada limpeza étnica na Faixa que paralelamente intensifica na Cisxordania ocupada mediante colonos. Mais estratexicamente non vai gañando, pois non logra concluír os obxectivos perseguidos –destruír á Resistencia palestina e liberar reféns– e os danos reputacionais, o número de baixas militares e os custos para a economía son importantes. A militarización e paranoica vulnerabilidade empurraron xa 400.000 cidadáns ao abandono daquel pequeno enclave. Netanyahu aférrase ao seu propio caos.

Comentarios